Temas: FRASEOLOXíA

“Á(s) rapañota(s)” ou “á pillota”, equivalentes, entre outras, ó castelán “a la rebatiña”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 02/02/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Abordamos desta volta varias expresións que, polo menos no que á nosa experiencia e observación se refire, teñen máis pulo cá equivalente castelá, chegando mesmo a ocuparen os espazos desta nos falares de xente galega que se expresa no idioma de Cervantes (supomos que ás máis das veces por culpa de descoñecer a locución que sería a propia en castelán): referímonos ás locucións á rapañota, ás rapañotas e á pillota.

Pelexa entre mulleres
Pelexa entre mulleres | Fonte: Youtube

A la rebatiña

{= A quen primeiro colla ou se apropie fisicamente de algo cuxa posesión se pon en disputa, concorrendo con outros con quen se porfía ou compite.}

Á rapañota

Ás rapañotas

Á pillota

Ex.: Me acuerdo de que, cuando éramos pequeños, los reyes magos tiraban caramelos y los chiquillos andábamos a la rebatiña a cogerlos.

Lémbrome de que, cando eramos pequechos, os reis magos tiraban caramelos e os cativos andabamos ás rapañotas a recollelos.

● Tamén:

A rapañotas && Ás rapañiñas && Á pillalebre && [E MESMO]: Á pilla pillota

NOTAS:

1. En relación coa locución á pilla pillota, podemos lembrar a existencia, no dereito civil de Galicia, da figura das augas de pilla pillota, que fai referencia ó uso, por parte dos partícipes dunha comunidade, dun acuífero para a rega das súas leiras ou predios segundo a necesidade de cada un deles e sen suxeición a distribución temporal ou cuantitativa ningunha (isto é, ó uso por parte de quen as colla simplemente porque nese momento lle fan falta e se adianta ós demais).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 fernandolourido

¡Viva o padriño! (non a madriña, ollo!), e patacos e cans, mesmo pesetas caían á rapañota ... Lémbrome que, canda pequechos, (sobra a cópula!, meu) (...)