Catro minutos de reguetón e poesía en galego, da man do Aquele e Arancha Nogueira

'Se vas estar aquí' é a nova canción que veñen de sacar o youtubeiro e mais a poeta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 22:40

Comparte esta noticia

Reguetón e poesía xuntas? Pois claro! O Aquele e Arancha Nogueira veñen de publicar en redes 'Se vas estar aquí', unha canción que mestura os versos da poeta coas melodías do músico e youtubeiro. O resultado é unha proposta innovadora, nunca antes formulada, e que non deixa de sumar reproducións do YouTube. Sabela Souto e Afra Torrado foron as encargadas do videoclip.

O Aquele e Arancha Nogueira presentan 'Se vas estar aquí'
O Aquele e Arancha Nogueira presentan 'Se vas estar aquí'

Conta o Aquele que cando se coñeceron Arancha mais el axiña se decataron de que tiñan que facer algo xuntos. Non sabían o que, pero estaban seguros que a mestura había funcionar. Aos poucos foron perfilando a idea e hai dous meses comezaron a compoñer esta canción. "Paseille a Arancha unhas bases e unhas letras e aos dez minutos xa me estaba enviando a poesía!", di o Aquele ao teléfono. 

"Estamos moi contentos porque cremos que é algo que non existía". A acollida polo de agora está sendo moi boa e o público entrégase cada vez máis a estes novos proxectos musicais en galego que comezan a coller forza. "Por fin a música en galego non se resume a heteros con camisetas negras facendo punk!", exclama o youtubeiro. "Estamos perdendo o complexo a sacar o que temos feito no noso ordenador, e iso está ben. A partir de aí, xa se irá traballando".

Ao mesmo tempo, o Aquele tamén apela a abrir o campo de visión e facer contidos de todo tipo no noso idioma, máis alá da canción protesta: "Non por ser en galego ten que ser reivindicativo". Polo que observa, a xente comeza a animarse e non son poucos xa os que nutren de novos sons e novas temáticas as nosas listas de reprodución. 

De cara ao futuro, adianta que ten un par de cousiñas máis e que este proxecto non vai quedar aquí. "Cremos que pode dar para máis". Abofé que si! Que soe!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta