Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2020 | Actualizada ás 12:56
O portavoz do goberno provincial da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, criticou este xoves o "uso intolerable que está a facer o Partido Popular dos medios xudiciais".
López Font deu a coñecer a sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Pontevedra, do pasado luns 27 de xaneiro, que lle dá a razón á Deputación fronte ás pretensións do Concello de Redondela e que "é unha máis" dentro dunha "estratexia política" do PP.
Así, o deputado citou este xoves en rolda de prensa as seis sentencias perdidas polo PP que foron presentadas polos concellos de Sanxenxo, Vilanova de Arousa e Valga contra o Plan de Reequilibrio e polos concellos da Lama, Vilanova de Arousa e Redondela, contra o 'Plan DepoRemse'.
Para o goberno provincial estas demandas "non teñen ningún sentido", xa que "en orixe non deberían ter ningún motivo para presentalas" como demostra, segundo sinalou o deputado López Font, "que una tras outra lle van caendo en contra".
"ESTRATEXIA LAMENTABLE"
Neste sentido, o deputado socialista cre que "ao PP lle iría mellor abandonando esta estratexia lamentable" na que está "a utilizar os concellos a propósito de que esa reclamación non podería saír adiante".
Carlos López Font destacou que "esta estratexia non é casual", senón que está "orquestrada e dirixida desde Santiago" ante a próxima cita das eleccións autonómicas que "nalgúns, no Partido Popular, o que fai é aflorar a desesperación", abundou. E enmarca nesta liña os "extremos insoportables aos que están a chegar algúns" con "insultos, mentiras e comportamentos que van en contra do que debe de ser a acción política razoable".
REDONDELA
Segundo desvelou o deputado socialista, esta última sentenza "desestima integramente" o recurso presentado polo anterior alcalde de Redondela, Javier Bas (PP), pola exclusión dun proxecto que presentaron ao 'Plan DepoRemse'.
López Font lembrou que dita exclusión se debeu "exclusivamente a razóns técnicas", tal e como recoñece o fallo "absolutamente demoledor", matizou, da xuíza "que desmonta un por un todos os argumentos do anterior alcalde do goberno do Partido Popular", engadiu.
A sentenza desestimatoria fundaméntase en catro argumentos. Por unha banda afirma que non é posible rebater a valoración técnica do comité de expertos, tamén sostén a xuíza que ela non pode substituír o criterio dese comité técnico e sinala que "non existe motivo para dubidar do xuízo finalmente emitido" por tales expertos.
A sentenza lembra que o Concello de Redondela superou con este proxecto a nota valorativa de corte, pero recoñece que non puido obter a subvención por esgotamento de crédito, algo que estaba especificado nas bases e finalmente, sinala que o proxecto era mellorable porque tiña ata 16 deficiencias.
Por último, o portavoz do goberno provincial considera que esta sentenza tamén "avala a política de equidade e igual tratamento a todos os concellos que leva o goberno de Carmela Silva", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.