Feijóo descarta convocar as eleccións galegas coas catalanas

Asegura que o "horizonte" electoral galego "non dependerá" de decisións catalás "que nin se coñecen"

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/01/2020 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo descartou hoxe facer coincidir as eleccións galegas coas catalanas. Así defendeu, preguntado sobre un hipotético adianto electoral en Galicia e a posibilidade de que tanto a autonomía galega como a vasca puidesen compartir data con Cataluña, que o "horizonte da Comunidade que el dirixe non dependerá" de decisións que, a día de hoxe, "non se coñecen".

Feijoo preside o Consello da Xunta. XUNTA
Feijoo preside o Consello da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo dixo que en Cataluña "o interese do nacionalismo e do independentismo son o nacionalismo e o independentismo, non os cidadáns". En fronte, asegurou que o seu "interese" se centra nos cidadáns galegos, "non no independentismo ou o nacionalismo", nin sequera na propia ideoloxía que comparte.

"En Cataluña ocorren acontecementos, lamentablemente para os cataláns e o resto de españois, de forma continuada e constante", advertiu Feijóo, tras anunciar o presidente catalán, Quim Torra, a ruptura con ERC e que convocará eleccións despois de aprobar os orzamentos.

Preguntado sobre a incidencia que este paso podería ter en Galicia, o tamén líder do PP galego fixo unha reflexión inicial incidindo en que "toda esta situación era moi evitable" se o presidente catalán "cumprise as normas". "Se as cumprise como o teño que facer eu, nada disto ocorrese", esgrimiu.

"Se o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) dime que teño que facer unha cousa e fágoa, nada disto acontecería", agregou, antes de contrapor que, se pola contra, "de forma chulesca e soberbia" óptase por "retar" ao alto tribunal e se ignoran" as súas resolucións e sentenzas "presumindo" de "incumprir de forma sistemática", a consecuencia é a perda da acta de deputado. "E a ver se (Torra) non queda inhabilitado como presidente da Generalitat", engadiu,.

O HORIZONTE GALEGO

"O meu interese é que Galicia vaia mellor e que haxa un ambiente de maior liberdade e benestar. Sobre as eventualidades da política catalá, ninguén sabe o que vai ocorrer en Cataluña. Fixar a coherencia do discurso do president Torra: di que perdeu a confianza nos seus socios de ER, pero simultaneamente afirma que vai aprobar con eles os orzamentos e despois, convocar eleccións", relatou.

Así mesmo, remarcou que nada cambiou en relación a desvelar no primeiro trimestre deste ano a súa intención de desvelar se optará a un cuarto mandato en Galicia, paso que dan por feito no partido --dirixentes como o vicepresidente, Alfonso Rueda, aseguraron xa publicamente ter a "convicción" de que repetirá; a gran maioría dano por feito en privado--.

A situación catalá tampouco influirá nesta data, anticipou Feijóo, quen lembrou que hai "un compromiso" en relación a aclarar se encabeza a candidatura do PPdeG á Xunta "no primeiro trimestre" de 2020. "E farase como estaba acordado e pactado", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta