A CIG denuncia riscos para os traballadores do laboratorio de Anatomía Patolóxica do CHUS

A área Sanitaria de Santiago e O Barbanza asegura que as obras acometidas foron aprobadas polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2020 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia os "riscos" que corren os traballadores do laboratorio de anatomía patolóxica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) polas "deficiencias estruturais e organizativas" das instalacións.

CHUS
CHUS | Fonte: Europa Press.

Unhas deficiencias que a Xerencia da área Sanitaria de Santiago e O Barbanza asegurou que xa "abordou" acometendo "unha chea de obras" nese laboratorio e noutras instalacións do CHUS durante 2019, para as que se dedicaron "máis de 20.000 euros".

Segundo explicou o delegado de prevención de CIG-Saúde, Xosé Alvedro, a organización sindical presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e nos Servizos Centrais do Sergas despois de solicitar "reiteradamente" un "informe de avaliación de riscos" sen que "a día de hoxe se facilitase ou se adoptase medida algunha" para liquidar o problema.

A este respecto, o Sergas explicou que na última reunión do comité de seguridade e saúde (celebrada en decembro de 2019) se adoptou "o compromiso" de levar a cabo unha "avaliación das medidas ambientais do laboratorio" durante o primeiro semestre de 2020.

Ademais, aseguraron que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais deu o visto e prace ás obras das instalacións de extracción de gases e que agora "se realizarán as medicións para ver se se superan as condicións de avaliación" que se estableceron para estes laboratorios.

ACCIDENTES

Pola súa banda, Alvedro sinalou que o Servizo de Medicina Preventiva remitiu "un informe específico de exposición ao formaldehído (composto orgánico) e outros elementos" neste laboratorio, así como polos "accidentes reiterados" que se producen.

Nese documento indícanse "unhas series de medidas" para reducir "a exposición" a esta sustancia e a outros produtos potencialmente canceríxenos, así como unha "medición periódica" para os compostos orgánicos volátiles.

Namentres, a CIG censura os "accidentes" que se produciron nese laboratorio. Mareos, picor de ollos, de garganta ou outras complicacións que requiren atención de urxencia foron algúns dos síntomas que sufriron os empregados ata agora, segundo afirma o sindicato.

Por todo isto e ante a "falta" dun informe, a CIG presentou esta denuncia e está á espera de que a xerencia do CHUS "adopte as medidas preventivas necesarias e solucione as deficiencias estruturais", ao que esta xerencia responde que as medicións "se realizarán no primeiro semestre deste ano".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta