Gonzalo Caballero comprométese a converter a sanidade pública "na bandeira" dun Goberno galego progresista

Acusa o Executivo de Alberto Núñez Feijóo de "desmantelar" o servizo sanitario "durante os once anos" que leva ao mando e anima a xente a participar na manifestación do 9 de febreiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2020 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Partido Socialista de Galicia (PSdeG) e candidato á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeuse a converter "a sanidade pública na bandeira de referencia" dun "Goberno galego progresista" que, ao seu xuízo, se consolidará tras as eleccións deste ano.

O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSG-PSOE, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press

O ámbito sanitario supón unha "prioridade na axenda política de Galicia" para o socialista e "estará en cada Consello da Xunta" para "reverter o desmantelamento, retrocesos e recortes" que se produciron no servizo público "durante o once anos do Partido Popular".

Para establecer unhas liñas de traballo concretas que leven a consolidar un programa de cara ás eleccións, o secretario xeral reuniuse este sábado con distintas personalidades do sector nun laboratorio de ideas celebrado en Santiago.

Alí, Caballero manifestou o seu "compromiso" coa cidadanía galega para achegar unha "sanidade de proximidade" que chegue a "todo o territorio" e que non diferencie entre as zonas rurais e as urbanas, senón que "afronte as dificultades" e "atalle" problemas como a poboación dispersa e envellecida que caracteriza o territorio.

A altura de miras do candidato socialista réxese por atender as necesidades "dos recursos humanos" do sector, acabar coa "precarización dos contratos de traballo e coa falta de efectivos" que sofre o servizo de Atención Primaria, Pediatría, Enfermaría ou Auxiliar de Enfermaría.

Ademais, neste sentido, Caballero quere tamén prestar atención aos "irmáns menores do sistema sanitario", a fisioterapia e a saúde mental. O obxectivo é ofrecer un "catálogo de servizos básicos operativo, que funcione nos distintos puntos do país e con medidas concretas como "a posta en marcha dunha unidade de ictus en cada unha das provincias galegas, alí onde non as haxa".

A "SENDA DE RECORTES" DO PP

Desta maneira, a sanidade será un "eixo central" para o PSdeG co que "frearán a senda de recortes e precarización" que o Partido Popular levou a cabo no últimos once anos con orzamentos de "11.000 millóns de euros", "moitos recursos" dos que non se fixo un bo uso, criticou Gonzalo Caballero.

Desde a súa perspectiva, "só as mobilizacións da cidadanía" fan que a Xunta dirixida por Alberto Núñez Feijóo "recoñeza os seus erros". Un "bo exemplo" diso é o paridoiro de Verín, "que demostrou a importancia da mobilización civil" a berro de: 'En defensa da sanidade pública, Verín non se pecha'. "Sen esta mobilización, sen os carteis" que agora "censura" o Sergas, "hoxe o paridoiro" da comarca de Monterrei estaría "pechado".

As súas críticas ao actual presidente non acaban aí, xa que pensa que "os argumentos do poder político" galego se sacan "ad hoc" e aparecen "cando non son capaces de defender" o que a opinión pública reclama.

Por todo isto, Caballero fixo un chamamento a toda a cidadanía para participar na manifestación "en defensa da sanidade pública" que se celebrará o próximo 9 de febreiro na capital galega. O obxectivo é "encher Santiago de cidadáns que lle digan non ao PP" por "unha causa común", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Dr Bacterio

Será aumentando o concerto con POVISA como fixo Touriño

1 cachamuíña

A verdade, non sei que ten de progresista aliarse co nacionalismo, ideoloxía tribal, reaccionaria e excluinte, e bandeira das desigualdades e da inclusíón do alleo. Tampouco vexo progresismo algún en defender postulados comunistas, de loita de clases e contrarios á liberdade social e económica dos cidadáns.

1 Sentidiño

Recoméndoche a lectura de Andreu Nin. Mira o que dicía Lenin: ”Ningún privilexio para ningunha nación, ningún privilexio para ningún idioma! Ningunha opresión, ningunha inxustiza cara á minoría nacional! Velaquí o programa da democracia obreira”.

2 cachamuíña

Xusto o que fixo a Unión Soviética en Ucrania, Estonia, Letonia, Lituania, Bielorrusia, Georgia, Kazakistan, Uzbekistan, Tayikistán, Azerbaiyan...Se non fose polo prurito literario que me aconsellas é para botarse a rir...ou a chorar.