O BNG avanza que o Goberno central activará este ano modificacións na situación fiscal dos emigrantes retornados

O deputado Néstor Rego anuncia que este colectivo terá "o mesmo trato fiscal que calquera outro cidadán".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 01/02/2020 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou este sábado que en 2020 se porán en marcha as medidas para acabar coa situación fiscal dos emigrantes retornados, polo que este colectivo terá "o mesmo trato fiscal que calquera outro cidadán".

Néstor Rego participa nun acto con emigrantes retornados en Vilagarcía
Néstor Rego participa nun acto con emigrantes retornados en Vilagarcía | Fonte: BNG.

Rego mantivo este sábado en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) unha reunión coa Coordinadora Galega de Emigrantes Retornados para explicarlles directamente os termos do punto do acordo de investidura asinado por BNG e PSOE que se refire a a situación das persoas que reciben prestacións desde o estranxeiro, un trato que o deputado nacionalista cualificou como "unha estafa e un roubo por parte da Axencia Tributaria".

Néstor Rego lembrou que o acordo incorpora o compromiso de facer as modificacións lexislativas necesarias para pór fin a unha "situación absolutamente inxusta" que afecta a 250.000 persoas en Galicia e a un millón no conxunto de España.

Para iso, anunciou, tomaranse medidas en dous sentidos: por unha banda eliminando "os prexuízos fiscais que actualmente lles supón o feito de ter dous pagadores, neste caso dous Estados"; e, por outra, "establecendo para eles o mesmo límite de ingresos para ter a obriga de facer a declaración do IRPF".

O portavoz da coordinadora, Xosé Lois Leirós, lembrou que, mentres para calquera cidadán español ese límite se sitúa en 22.000 euros, para os emigrantes retornados é de 12.000.

Pola súa banda, o deputado do BNG adiantou que esta medida "se ten que pór en marcha ao longo de 2020", porque, aínda que é unha cuestión que require unha certa tramitación administrativa, "non precisa dunha dotación orzamentaria, polo que non está condicionada á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Bernal Calvo Delaciga

De calaceiro da UPG a recadeiro do sanchismo. Cousas veredes.

1 Néstor (falta de) Rego

Nesto Riego, a mascota gaiega que necesitaba o PSOE español.