Deteñen seis persoas e interveñen cocaína e heroína nun 'narcopiso' en Ourense

Os arrestados enmárcanse na denominada 'Operación Resaca' que o Grupo de Estupefacientes comezou a principios do mes de setembro de 2019 no barrio de San Francisco.

Por E.P. | OURENSE | 03/02/2020 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional de Ourense detiveron catro homes e dúas mulleres por un delito contra a saúde pública na zona de San Francisco e interviñeron varias doses de cocaína, heroína e metadona nun 'narcopiso' na cidade.

Segundo informou a Policía Nacional, os arrestados enmárcanse na denominada 'Operación Resaca' que o Grupo de Estupefacientes comezou a principios do mes de setembro de 2019, cando os axentes tiveron coñecemento de que no barrio de San Francisco diversas persoas se trasladaban ao lugar para adquirir sustancias estupefacientes para o seu consumo, principalmente heroína, consumindo a mercadoría adquirida no interior deste 'narcopiso', ou nun canellón próximo a este edificio.

Na tarde do día 29 de xaneiro, sobre as 18,00 horas, mentres o Grupo de Estupefacientes realiza un servizo de vixilancia observa dous homes saír dun domicilio e subir nun vehículo. Pouco despois sae unha parella da mesma vivenda e introdúcese na parte posterior do mesmo coche, polo que axentes do Grupo de Seguridade Cidadá, comisionados polos policías de Estupefacientes, procederon á identificación e cacheo das catro persoas que se atopaban no seu interior.

Alí atoparon no cacheo preventivo de seguridade entre as súas roupas e pertenzas 43 envases de medicamentos (tres deles de metadona), unha balanza de precisión, catro envoltorios de plástico con heroína e unha bolsiña de plástico con 14,55 gramos de cocaína.

Os detidos son tres homes, un de 50 anos de idade, natural de Asturias, ao que lle constan seis arrestos; outro de 48 anos natural de Ourense con nove antecedentes; e o último de 46 anos natural de Suíza, con 17 detencións anteriores. A eles súmase unha muller de 46 anos natural de Brasil, con dous arrestos anteriores.

O día 30 pola mañá, tras tomarlles declaración, quedan en liberdade en dependencias policiais tres dos catro detidos, tras o que pasou a disposición xudicial un dos homes.

REXISTRO DA VIVENDA

Na mañá do 31 de xaneiro procedeuse á entrada e rexistro no domicilio investigado por axentes de Policía do Grupo de Estupefacientes e a Unidade de Prevención e Reacción de Ourense (UPR) onde se interviñeron 210 euros e tres papelinas de heroína e unha papelina de cocaína. Ademais, procedeuse á detención da parella inquilina da vivenda por un delito contra a saúde pública.

Estes dous detidos son un home de 51 anos de idade, natural de Verín, ao que lle consta 18 arrestos anteriores, e unha muller de 52 anos da mesma procedencia, con 10 antecedentes. Quedaron en liberdade tras pasar a disposición xudicial.

A Garda Civil intercepta doses de cocaína nun control de tráfico. GARDA CIVIL
A Garda Civil intercepta doses de cocaína nun control de tráfico. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta