Temas: ORDES ENTROIDO

(Vídeo) Así é a vida das mulleres que venden os grelos nas estradas galegas

Sempre terán para ti un feixe de grelos ou un tarro de mel. Co acougo que dan os anos, estas mulleres persisten nun labor que vai moito máis alá daquilo que ofrecen: elas tecen relacións duradeiras e dotan de identidade os lugares.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Aínda que o mundo siga xirando, aínda que o seu entorno vaia cambiando, elas sempre prevalecen, alí, ao pé da súa casa, esperando por aquel que pare en busca dunha atención cálida e dun produto de calidade. Son mulleres que levan toda unha vida ao coidado das súas casas e da súa horta. Cada mañá, preparan un postiño de madeira con mel e grelos recén recollidos que colocan fronte á súa casa e ao carón da estrada N-550, que xunta A Coruña e Tui.

Mural en homenaxe ás mulleres vendedoras de grelos
Mural en homenaxe ás mulleres vendedoras de grelos | Fonte: GC

Alí sentan, coa paciencia que lles dá a experiencia, e esperan. De vez en cando, algún dos coches ou dos camións que pasan fugaces pola estrada detense fronte a elas. 'Quería un feixe de grelos... A canto van?'. Aí comeza todo un negocio que leva décadas en pé e que leva décadas sendo sustento das familias. Un negocio que manexan elas, protexidas do frío do inverno con xerseis gordos e mandiles a cadros. De gañarse a vida, saben ben. Fixeron da N-550, dende Deixebre e ata a entrada de Ordes, un espazo non só para a economía, senón tamén onde tecer unhas relacións sociais duradeiras.

Hai anos houbo moitas máis vendedoras de grelos das que hai na actualidade, coinciden en dicir. Agora, as que persisten cóntanse cos dedos das dúas mans, pero aínda así, a pé de asfalto, a un lado e mais a outro da estrada e con ben anos enriba, estas mulleres alí se manteñen. Foron quen de converter unha estrada convencional en algo que a sacou do seu convencionalismo. Foron quen de dotala de identidade propia.

40 ANOS A PÉ DE ASFALTO

O ruído xordo que deixan os camións ao seu paso mantense constante e súper presente nas conversas, nas esperas, nos trocos... Mais Elvira xa está acostumada. Vive nunha casa cativa ao carón da estrada, e diante dela, a pouco máis de dous metros da propia vía, ten preparadas dúas mesas cheas de grelos e mais unha cadeira de plástico para se sentar. "40... ou 35... Ponlle que levo 35", calcula mentres lle dá á man a xeito de dúbida.

Elvira no seu posto de grelos diante da casa
Elvira no seu posto de grelos diante da casa | Fonte: GC

Elvira fai memoria, en todos os sentidos. "Moita xente maior que levaba a catro e a cinco agora levan a unha e a dúas porque os netos non lle queren os grelos!". Un medio sorriso aprópiase dela mentres analiza os cambios de alimentación e de costumes que afectan o seu labor diario. "De paso que fago a limpeza e fago a comida tamén vendo algo se teño a quen". Ela encárgase do de fóra e mais do de dentro.

Á parte dos que planta na súa horta, mércalle o resto de produción que precisa ás mulleres das aldeas do arredor. Elas son o núcleo de toda unha rede de mercadorías centrada nos grelos que soben e baixan pola N-550. O que máis se valora do produto é que é rico e natural. "Estamos na zona propia para os grelos", di agora María, outra das mulleres que se coloca ao carón da estrada. O can avísaa sen erro de cando alguén aparca o coche na súa casa para mercar, e ela axiña sae á porta para atender. "Hai que ter conta deles!". A súa irmá leva poñendo o posto máis de 40 anos e ela comezou cando se xubilou do restaurante no que traballaba en Ordes.

CHOVA OU NEVE, HAI QUE IR POR ELES

"Agora os vellos quedan sos na casa... E claro, botan nabos e póñenos na carretera", conta María. "E as mulleres sobre todo, que coidan dos netos e mais venden a verdura". Tanto un coma outro son labores trascendentes e esixentes. "Aínda que sexa chovendo ou caendo neve, ti tes que ir por eles, estamos co entroido enriba". Os grelos son escravos e calquera das mulleres que inzan a estrada de puntos de venda clandestinos o saben con certeza. "Eu téñome que cambiar dúas e tres veces no día aínda que leve roupas de auga. Non che é unha broma".

Con ollos de orgullo, María relata que veñen aos seus grelos dende Valdoviño, Porto do Son, As Pontes, Ferrol... "E de Santiago e da Coruña xa é unha cousa fóra de serie, case están aquí todos os días, será posible!", bota a risas. O seu teléfono, de feito, non deixa de soar. Di que o número da casa debe andar por toda Galicia. Ata recibe chamadas dalgún restaurante que confía no seu produto.

Aínda que en xeral se vende menos, María di que non hai queixa. E ademais, se hai a alguén a quen lle beneficie a suba do prezo da autopista, é a estas mulleres. "Agora como é tan cara os coches volven vir por aquí", recoñece tamén Elvira. Coa experiencia de tantos anos ás costas, son moitas as persoas que seguen preferindo os grelos destas mulleres aos produtos do supermercado. "É que o noso vén dereitiño da horta...", di María para acabar de decantar a balanza. No coidado á terra e ao trato curto deben estar as súas claves.

Por iso teñen sona e por iso namoran. Tanto que mesmo a saída de Ordes está presidida por un mural que representa unha destas mulleres, con amplo sorriso e grelos en man, obra do artista Joseba Muruzábal. E non foi el o único que quixo deixar constancia do labor sen descanso das vendedoras dos grelos da N-550. "Da Coruña a Santiago, entre Ordes e Sigueiro, vou de compras pola estrada, ando na ruta do grelo", cantan os Kastomä na canción 'Grelo 66'. A propia Elvira sae no videoclip facendo gala do seu bo produto!

Aínda que o mundo siga xirando, elas prevalecen para nos recordar que polos lugares hai que parar e non só pasar. Hai que facer vida.

Temas: ORDES ENTROIDO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta