Feijóo rexeita unha coalición con Ciudadanos en Galicia e convídaos a integrarse no PPdeG

Mantén que os dirixentes de Cs serán "benvidos" á "casa común do PPdeG" e apela á "coherencia" da formación laranxa. Cayetana Álvarez de Toledo recalca que Feijóo "ten que ser candidato" tras a "heroicidade" de manter a "maioría absoluta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 17:30

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmouse en que os populares non concorrerán nunha coalición con Ciudadanos (Cs) en Galicia, pero mantén aberta a porta do seu partido non só aos votantes, senón tamén aos dirixentes da formación laranxa, a quen convidou a participar da "fórmula do PPdeG".

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

Non en balde, o tamén líder do PP galego, quen este martes participou nun acto en Carballo (A Coruña), lembrou que é a "fórmula do PPdeG a que tivo éxito, a que prosperou e a que goberna, mentres que outros nomes ou outras formacións non teñen ningunha representación na Cámara".

"Aquilo que funciona, deixémolo que siga funcionando e o que estea unido, non o desunamos para unilo posteriormente. O que estea unido e o que funciona debemos apoialo todos. Nós estamos a disposición de Ciudadanos para ver como o que funciona e está unido pode seguir uníndose e funcionando como alternativa a partidos como o BNG e o PSOE", engadiu.

Fíxoo antes de lembrar que o BNG "acaba de mostrar, unha vez máis, a súa falta de respecto absoluto á Xefatura do Estado, mentres que os socialistas "gobernan con independentistas e nacionalistas en todos os concellos".

"QUE NON SEXA UN CONTRATO DE ADHESIÓN"

Preguntado acerca da postura de Arrimadas, que condiciona calquera acordo a que sexa compartido tanto en Cataluña como en Euskadi e en Galicia, Feijóo replicou que, ao seu modo de ver, "non é bo condicionar as cousas", senón "ser coherente coa realidade política e territorial" na que se aplican as propostas.

"Se o 47 por cento dos cidadáns en Galicia votan o PPdeG, que obtivo maioría absoluta en 2009, 2012 e 2016, e se Cs, do mesmo xeito que o PP, mantén que quere un goberno estable para a Comunidade e evitar que goberne o nacionalismo, o independentismo, o socialismo e o populismo de Podemos, a responsabilidade chámanos a entendernos", insistiu.

Por iso, agregou que o PPdeG expón buscar fórmulas que vaian na liña destes obxectivos e reafirmouse en que "a fórmula do PPdeG é a que tivo éxito" electoralmente ata o momento.

"Espero que isto non quede en titulares, que non sexa unha condición e un contrato de adhesión, senón que impere o sentido común e que os electores manden. E aquí, en Galicia, os electores mandan", apostilou.

"OS DIRIXENTES DE CS SON BENVIDOS"

Nesta conxuntura, o presidente galego se mostrou convencido de que a maioría dos cidadáns en Galicia "non quere reproducir o bipartito" de PSOE e Podemos que goberna no Estado e que "aquí sería un multipartito de PSOE, mareas de Podemos, a parte das mareas escindidas da anterior e o BNG".

Segundo Feijóo, a "plataforma" para evitalo xa existe e foi "referendada nas urnas cada vez que aos galegos se lles pregunta a súa opinión e van votar: é o PPdeG".

É máis, o dirixente mostrouse convencido de que "a maior parte de persoas que en anteriores eleccións deron a súa confianza a Cs e mesmo miles dos que votaron ao PSOE nas xerais" terán nas autonómicas ao PPdeG "como punto de encontro".

Así as cousas, convencido de que o PPdeG é o que garante "a estabilidade, a moderación e a coherencia" en Galicia fronte a un hipotético "multipartito", insistiu en que non só os votantes, senón tamén os dirixentes de Cs son "benvidos" ás filas da formación popular.

APOIO DO PP ESTATAL

A portavoz do Grupo Popular no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo, asegurou este martes que o líder do PP no País Vasco, Alfonso Alonso, pode ser candidato nas próximas eleccións autonómicas, pero admitiu que agora hai que ver como se fragua o pacto con Ciudadanos. Segundo engadiu, o constitucionalismo "está máis fráxil" en Euskadi e Cataluña, e non ocorre o mesmo en Galicia, onde o PP conta con maioría absoluta e Alberto Núñez Feijóo "ten que ser candidato".

Ao ser preguntada se hai que manter a Feijóo en Galicia e se Alfonso Alonso sería a persoa idónea para liderar a unión con Cs ante as eleccións vascas, Álvarez de Toledo sinalou que "evidentemente" o presidente da Xunta debe repetir como candidato porque logrou "unha heroicidade en política nestes tempos" ao "manter a maioría absoluta".

"No caso de Feijóo evidentemente ten unha maioría absoluta nestes momentos. E no caso do País Vasco é distinto na medida en que non temos unha maioría absoluta. Pero que el (Alonso) pode selo, por suposto", manifestou, para engadir que ela non pode "presupor previamente" o que se vai a decidir nos acordos con outros partidos "se é que se fan" finalmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta