O Goberno central anuncia que buscará "medidas paliativas" para liquidar o IVE de 2017

Di que é "unha rocha" para as "ameazas" dalgunhas comunidades de acudir aos tribunais a reclamar este diñeiro.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 05/02/2020 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, indicou este mércores que en 2020 xa non é posible aprobar a liquidación definitiva do IVE das comunidades autónomas de 2017, pero si se mostrou disposta a estudar "medidas paliativas" no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), convocado para este venres.

Montero, en declaracións a Antena 3 recollidas por Europa Press, sinalou que é un "tema herdado" do exministro de Facenda Cristóbal Montoro e que o Goberno tratou de corrixilo nos Orzamentos de 2019, que o PP "tombou" a pesar de que agora "esixen arranxalo".

"En 2020 non é posible acometelo, o cal non quita que tomemos medidas paliativas", apuntou a ministra, que se queixou de que cando "se perpetran os feitos", ninguén di nada e cando se tenta arranxar é cando se expoñen as esixencias. "Tentamos arranxalo en 2019 e tombaron os Orzamentos, non pode ser que o PP esixa unha cousa e tombe o que permite arranxalo", engadiu.

Preguntada polas "ameazas" dalgunhas comunidades gobernadas polo PSOE como Aragón ou Castela-A Mancha de acudir aos tribunais se o Goberno non reparte os 2.500 millóns de euros do IVE de 2017, Montero sinalou que é "unha rocha para as ameazas" e que o Ministerio de Facenda "non pode responder a base de ameazas", senón con criterios "xustos" e que permitan asegurar que todas as comunidades teñen o mesmo trato.

"Non me sinto ameazada coa carta", afirmou a ministra, en referencia á misiva que este martes enviou o presidente de Aragón, Javier Lambán, dando ao Ministerio de Facenda un prazo de 15 días para solucionar este tema e o anuncio de "accións legais" en caso de non realizarse o pago neste tempo. "Cada un expresa a súa opinión como quere (...) e as comunidades teñen dereito a acudir onde queiran", precisou.

No caso de Galicia a Xunta xa anunciou a semana pasada que esgotará todas as posibilidades no ámbito xudicial e levará aos tribunais ao Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez co fin de que pague a débeda de 200 millóns derivada da mensualidade do IVE de decembro de 2017.

A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero, durante unha rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.. Eduardo Parra - Europa Press
A ministra de Facenda e Portavoz do Goberno, María Jesús Montero, durante unha rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

TEMA NO CONGRESO

Pola súa banda, o PP defenderá o vindeiro martes ante o Pleno do Congreso a necesidade de contar cun novo sistema de financiamento autonómico e a devolución ás comunidades dos 2.500 millóns de euros pendentes de pago correspondentes á liquidación do IVE de 2017.

Así, segundo a orde do día do Pleno do próximo 11 de febreiro, ao que tivo acceso Europa Press, levará unha proposición non de lei na que esixe este pago ás comunidades e que o Goberno non dilate máis a reforma do financiamento autonómico e presente, xunto ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2020, unha proposta baseada nos informes de expertos xa dispoñibles.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta