Feijóo atribúese xa unha vitoria electoral en Galicia: "Depídanse da maioría de votantes das xerais"

O debate sobre a data electoral cóase no pleno da man de Caballero e Feijóo evita dar pistas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O debate sobre a data das eleccións autonómicas coouse na sesión de control do Parlamento de Galicia deste mércores da man do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen instou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "aclarar" o calendario que manexa para Galicia, aínda que non obtivo resposta.

"Ten que aclarar cando vai convocar as eleccións para que falen os galegos", subliñou no hemiciclo Caballero, quen xa instou reiteradamente ao presidente a clarificar cal será o horizonte electoral en Galicia, onde as eleccións autonómicas tocarían, se non hai un adianto, despois do verán.

"Decida se quere ou non ser candidato, pero o escenario electoral sería positivo que o aclare dunha vez. Que diga cando vai convocar as eleccións que o van a retirar do poder", insistiu o dirixente socialista, nun contexto político marcado pola decisión do lehendakari vasco, Iñigo Urkullu, de consultar aos seus conselleiros sobre un posible adianto, cumprindo así o trámite obrigatorio previo a chamar ás urnas en Euskadi.

O paso de Urkullu evidenciando que sopesa un adianto dos comicios vascos e o feito de que no últimas tres citas autonómicas Galicia e Euskadi foran ás urnas da man elevou a presión sobre Feijóo. Se o mandatario vasco dá un paso e fixa unha data próxima --apuntábase a posibilidade de abril--, o dos Peares tería que tomar unha decisión rápida.

Fontes da súa contorna e da cúpula do PPdeG consultadas por Europa Press insisten en lanzar unha mensaxe de "tranquilidade" e remarcan que "nada cambiou", xa que aínda non hai data en Euskadi. De feito, Feijóo nin sequera "oficializou" se optará a un cuarto mandato, aínda que dentro do partido non se traballa cunha alternativa.

Ata agora, todas as mensaxes públicas dos populares van na liña de que en Galicia a maioría absoluta de Feijóo garante a "estabilidade" e, en consecuencia, a vontade era de "esgotar" mandato. O propio presidente ratificouno así nunha entrevista concedida a Europa Press a finais de decembro.

O xoves pasado, tras colocarse sobre a mesa a posibilidade dun adianto en Cataluña, Feijóo esgrimiu que as decisións catalás non condicionarían o horizonte electoral galego e mantivo que aclararía se volve presentarse ou non "no primeiro trimestre" de 2020, como comprometera.

SEN PISTAS NOVAS

Na sesión de control deste mércores, Feijóo evitou dar pistas e non respondeu á interpelación do líder do PSdeG, a quen afeou que acuda á Cámara galega a pronunciar "un mitin" cando "o máximo que pode conseguir" no hemiciclo "son 14 votos" (en alusión aos deputados socialistas, e mesmo puxo en dúbida que todos o apoiasen, instando ao líder do PSdeG a ver "as súas caras" cando intervén).

Ademais, Feijóo deu por feito que o PP galego mellorará significativamente os resultados nas autonómicas con respecto ás últimas xerais e lanzou unha advertencia a Caballero: "Despídase da maioría de votantes das (eleccións) xerais".

Pola súa banda, o líder socialista insistiu en que Feijóo debe aclarar o horizonte electoral galego, no medio dun gran barullo desde os escanos populares. Así as cousas, Caballero ironizou con que "á bancada do PP non lle gusta falar de eleccións" porque algúns son conscientes "de que marcharán para casa".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde os grupos da Cámara no pleno. XUNTA - Arquivo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde os grupos da Cámara no pleno. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta