'Xantar' en Ourense fará confluír recoñecidos chefs e bloggers gastronómicos

O conselleiro Román Rodríguez destaca que "a riqueza dos produtos galegos é unha das razóns que atrae aos visitantes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A vixésimo primeira edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celébrase desde este mércores ata o domingo, 9 de febreiro, centrada na "promoción do papel que xogan a gastronomía e o viño á hora de dinamizar a contorna rural contribuíndo a fixar poboación".

O seu potencial foi posto de manifesto no acto de inauguración oficial presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente do comité executivo de Expourense, Jorge Pumar; a edil de Turismo do Concello de Ourense, Flora Moure; e o presidente da Entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal, Luís Pedro Martins.

Na inauguración, Román Rodríguez destacou "a aposta do Goberno galego polo potencial da enogastronomía como motor de desenvolvemento económico" e centrouse na "súa capacidade para diversificar e desestacionalizar a oferta turística".

Ademais, o conselleiro de Cultura e Turismo referiuse ao futuro de Ourense como "esperanzador" e mostrouse optimista con respecto ao ano 2021 pola celebración do Xacobeo, a chegada do AVE e a candidatura da Ribeira Sacra para formar parte de Patrimonio Mundial da Unesco.

Neste sentido, como novidade deste ano, instalouse en Xantar un expositor específico do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no que participan varios concellos do xeodestino. Tamén está representado nesta caseta o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

"CALIDADE" E "EXCELENCIA"

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense puxo en valor "a calidade dos produtos expostos" e referiuse a Xantar como "un escaparate perfecto" para as Denominacións de Orixe. Mentres, Flora Moure convidou a todos os asistentes a "compartir unha parte de Ourense" e aseguroulles que "sairán convencidos das excelencias da ourensanía".

Na mesma liña foron as palabras de Jorge Pumar, que tamén fixo unha "mención especial" a Portugal como país veciño presente desde a primeira edición da Feira. Pola súa banda, a secretaria de Estado de Turismo de Portugal trasladou que é "un gusto" para o seu país poder estar presentes.

ACTIVIDADES

Expourense converterase durante esta semana no epicentro do turismo enogastronómico con 298 expositores, unha cifra lixeiramente superior á edición anterior, e con nove países representados como España, Portugal, Costa Rica, Cabo Verde, México, Perú, Chile, Panamá e Arxentina.

No apartado de actividades, Xantar reunirá a recoñecidos chefs de seis países que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no XV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sustentable que ofrecerá ao público máis de 150 experiencias.

Para dar cabida a este amplo programa de actividades, Xantar contará con tres aulas gastronómicas, unha de Cata e un Túnel do Viño, Augardentes e Licores. Este último conta co apoio dos cinco consellos reguladores de viño de Galicia e presentará máis de 150 referencias galegas incluíndo por primeira vez os viños recoñecidos con Indicación Xeográfica Protexida (I.G.P.).

O programa de 'showcookings' complétase con actividades paralelas como o VII Encontro de Bloggers Gastronómicos e Turísticos no que participan máis de 25 blogueiros de Galicia, Asturias, Castela e León e Portugal ou o XVI Encontro Internacional de Confrarías que reunirá a 40 entidades.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da XXI Edición do Salón Gastronómico de Ourense
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da XXI Edición do Salón Gastronómico de Ourense | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta