O alcalde de Santiago quéixase de que as probas de seguridade do AVE a Galicia "están a tardar moito"

O rexedor prevé que na próxima visita do ministro de Transportes se poida eliminar a cláusula da intermodal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2020 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, queixouse de que as probas de seguridade para certificar a posta en servizo do AVE a Galicia "están a tardar moito". Lembrou que a Axencia de Seguridade Ferroviaria é a que decide cando se pon en servizo unha liña de alta velocidade, polo que é "un elemento que está fóra de control das administracións".

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Europa Press

Por iso, opina que "o problema de crear un órgano independente é que é unha maior garantía, pero é independente do Ministerio". "Entón, que está a pasar? Está a pasar que se está tardando moito, desde o meu punto de vista demasiado", afirma.

Así, pon de exemplo que a obra da vía que vai de Zamora ata a entrada da provincia de Ourense "quedou concluída en decembro de 2018". "O que quere dicir que levamos 14 meses pendentes desa autorización", lamenta, o que "é moi importante porque permitiría adiantar case unha hora" a viaxe a Madrid.

O rexedor compostelán considera que "un ano é un prazo razoable" para levar a cabo estas probas de seguridade ferroviaria, as cales van marcar se o AVE "está ou non está" para o Xacobeo, asegura. E é que se mostrou "convencido" de que "a parte que depende da presidenta de Adif" estará lista en prazo "para ser operativa".

A este respecto, lembra que a Axencia de Seguridade Ferroviaria "é independente" por unha "decisión política que se adoptou a raíz" do accidente do Alvia en Angrois en 2013 —con 80 falecidos—, xa que Fomento e Adif "perderon a capacidade de autorizar eles a posta en servizo da liña de alta velocidade".

ELIMINACIÓN DE CLÁUSULA DA INTERMODAL

Por outra banda, o rexedor confía en que a próxima visita a Santiago do ministro de Transporte, José Luís Ábalos, se poida formalizar a eliminación da cláusula de alcanzar os 3,5 millóns de pasaxeiros para as obras da estación de tren. Indica que "é un problema legal" que ata agora non se resolveu porque o Goberno central estaba en funcións.

"Todos estamos de acordo", dixo sobre o ministro e a responsable de Adif, Isabel Pardo de Beira, respecto desta "inxusta" cláusula que "non ten ningunha outra estación de España".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta