En Marea quere gravar con impostos as grandes superficies e "aranceis sociais" para protexer o sector primario

Busca protexer o sector primario e a produción e comercio de proximidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2020 | Actualizada ás 16:52

Comparte esta noticia

En Marea, que integra en exclusiva o Grupo Mixto no Parlamento de Galicia, quere establecer impostos que graven ás grandes superficies —sobre o seu beneficio neto— e establecer outras medidas como "aranceis sociais" para protexer ao sector primario e a produción de proximidade.

Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Luís Villares, xunto á secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba
Os deputados de En Marea Davide Rodríguez e Luís Villares, xunto á secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba | Fonte: Europa Press

O portavoz Luís Villares explicou que para iso impulsaron unha iniciativa lexislativa e propostas de impulso, coas que buscan un posicionamento da Cámara galega, xa que, por exemplo, no caso dos aranceis non hai competencias propias, senón que son europeas.

Na rolda de prensa estivo a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, quen trasladou que os produtores están a vender a perdas mentres que unha das principais distribuidoras alimentarias ten máis de 20.000 millóns de euros de facturación, o "dobre" do orzamento da Xunta.

Ademais, advertiu de que as grandes distribuidoras "deixan fóra" as pequenas producións e traen mercadoría a "miles" de quilómetros de distancia, o que tamén vai en contra da loita contra o cambio climático e supón un "malgasto de enerxía e emisións", á marxe de que se "está destruíndo a pequena e mediana agricultura" e a calidade dos alimentos. De feito, referiuse a que os produtos fan de media 3.500 quilómetros, similar a unha viaxe desde Finlandia a Galicia.

O deputado Davide Rodríguez explicou que a proposta de lei quere "visibilizar" o problema e "dar solucións" ao sector agrario, garantindo unhas condicións sanitarias mínimas tamén para a produción que chega a comercializarse.

ARANCEIS E GRAVAME

Villares detallou que queren unha "revisión da política arancelaria, de carácter social e ambiental", para que se revise todo o percorrido que teñen que facer os alimentos e as condicións de produción.

Tamén pretenden que se promulgue unha moratoria na creación de novas superficies comerciais, xa que "Galicia está por enriba da media española" en densidade deste tipo de áreas (número en relación a habitantes).

Finalmente, En Marea quere que se impoña un imposto ás grandes superficies que operan en Galicia, como xa existe noutras comunidades, para protexer o pequeno e mediano comercio. Este imposto sería sobre o beneficio neto, é dicir, sería "gravar a riqueza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta