Condenan o Sergas a pagar 70.000 euros a unha muller de Pontevedra por diagnosticarlle tarde un cancro de mama

O xuíz ve 'mala praxe' e cre que o prognóstico sería distinto "se se tivese diagnosticado o tumor con anterioridade".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 10/02/2020 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela condenou o Sergas e á súa aseguradora a indemnizar en 70.000 euros, máis intereses, a unha paciente de Pontevedra, por diagnosticarlle tarde un cancro de mama, segundo a sentenza.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

A demanda foi formulada polo avogado Cipriano Castreje, en representación da paciente, e baseouse nunha "minusvaloración dos síntomas" que presentaba a muller, de 55 anos de idade; así como unha "minusvaloración dos riscos", xa que a paciente ten antecedentes familiares de cancro de mama e ten "alta probabilidade de desenvolver neoplasia de mama"; e na "omisión de probas diagnósticas", entre factores.

Os feitos remóntanse a xaneiro de 2014, cando esta muller acudiu ao servizo de Urxencias do Hospital de Pontevedra, tras detectarse, nunha autoexploración, un vulto na mama dereita. Naquel momento, diagnosticáronselle quistes e realizóuselle unha biopsia sobre un deles, pero sen estudo histolóxico.

Un mes despois, a muller volveu ao hospital debido a que ese vulto crecera e provocáballe dor. De novo, realizáronselle unhas puncións, sen outro tipo de probas nin estudos, e o Sergas concluíu que tiña "mamas fibrosas", pero non realizou ningunha outra exploración e citouna para un control rutineiro en 2015.

DIAGNÓSTICO E MASTECTOMÍA

En setembro de 2014, a paciente volveu ao hospital novamente, polo aumento do tamaño do vulto, que tamén presentaba unha fisura cutánea. Días despois, tras a realización dunha ecografía e outros estudos, diagnosticóuselle un carcinoma que, ademais, tiña afectación ganglionar.

A muller tivo que ser sometida a unha mastectomía, así como a tratamento de quimioterapia e radioterapia, e padeceu secuelas como linfedema, dor miofascial, trastorno depresivo reactivo e un longo período de incapacidade.

Por estes feitos, o maxistrado considera que houbo unha 'mala praxe' por parte do Sergas, xa que o prognóstico e o tratamento non terían sido os mesmos "se se tivese diagnosticado o tumor con anterioridade".

Así, estima parcialmente a demanda interposta (considera que non se probou a existencia de "defectuoso consentimento informado"), e condena á administración e á súa aseguradora a indemnizar á paciente en 70.000 euros, máis intereses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta