PP, PSdeG e BNG, forzas que contan con candidato á Xunta á espera do que faga o rupturismo

Gómez-Reino abriuse a ser candidato mentres Martiño Noriega perfílase como opción de Anova á espera de como concorrerán ás urnas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

PPdeG, PSdeG e BNG son as únicas forzas que xa teñen un candidato claro para as eleccións á Presidencia da Xunta que terán lugar o próximo día 5 de abril despois de que este martes o actual titular do Goberno galego e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, confirmase que optará a un cuarto mandato.

O presidente da Xunta no Parlamento galego.
O presidente da Xunta no Parlamento galego.

Feijóo 'oficializou' a súa decisión nunha xunta directiva celebrada en Santiago, onde se deron cita os principais cargos do partido. O presidente renovou "o seu compromiso persoal e político" con Galicia e púxose a disposición dos galegos para preservar "a normalidade e estabilidade" da Comunidade.

Con Feijóo á fronte, os catro presidentes provinciais do PP galego —Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), Manuel Baltar (Ourense) e Alfonso Rueda (Pontevedra)— comprometéronse nesta mesma xornada a traballar pola cuarta maioría absoluta consecutiva.

Á marxe da preparación da campaña, o seguinte paso orgánico relevante será a confección das candidaturas, un procedemento no que os populares adoitan esgotar os prazos.

GONZALO CABALLERO, CANDIDATO DO PSDEG

Os socialistas galegos teñen despexado o seu cartel tras a designación do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, como candidato nun proceso interno que tivo lugar en novembro do ano pasado e ao que non concorreu ningún outro aspirante.

Co seu cabeza de cartel xa despexado, agora os socialistas galegos deben abordar o proceso de configuración das listas. Para iso, segundo indicou este mesmo martes o seu secretario xeral, o PSdeG prevé reunir o vindeiro xoves á súa executiva.

Ademais, de cara á campaña electoral que arrincará o venres 20 de marzo, o propio Gonzalo Caballero destacou que todos os socialistas traballarán por lograr o cambio en Galicia, incluído o presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez.

ANA PONTÓN, LÍDER DO BNG

Do mesmo xeito que os socialistas, os nacionalistas galegos tamén optaron pola súa llíder para disputar a carreira cara ás urnas. Para iso, o BNG iniciou tras as pasadas xerais o proceso interno ao que só concorreu Ana Pontón, quen foi proclamada candidata polo Consello Nacional do Bloque o pasado 11 de xaneiro.

A líder nacionalista tivo que adiantar precipitadamente a súa volta á vida pública tras dar a luz o pasado 21 de xaneiro, ante o "reto" das eleccións galegas e a oportunidade, dixo, de que Galicia conte por primeira vez cunha "muller" á fronte da Xunta, fronte á "alternancia" de PP e PSOE.

Deste xeito, este martes reuniu á súa executiva para engrasar a maquinaria electoral e acelerar os prazos para a elaboración de listas e do programa, en ao cabo serán revalidados polo Consello Nacional —máximo órgano de decisión entre asembleas— nos prazos máximos establecidos.

A INCÓGNITA DO 'RUPTURISMO'

No especto da esquerda, as dúbidas céntranse no 'rupturismo', espazo no que o único claro é que todas as forzas que en 2016 concorreron baixo o paraugas do partido instrumental En Marea queren estar na cita do 5 de abril, aínda que podería haber ata tres papeletas diferentes xurdidas da que foi a segunda forza nas últimas autonómicas.

A falta de dez días para o peche do prazo para o rexistro de coalicións, a atención céntrase en se os promotores daquela En Marea —Podemos, Esquerda Unida e Anova— serán capaces de configurar unha candidatura unitaria, algo que non lograron nas xerais de 2019, nas que os nacionalistas optaron por dar un paso ao carón ao non frutificar a súa inclusión na coalición En Común, fórmula que o partido morado quere manter para as autonómicas.

Agora, Anova, que se aliña coas direccións das mareas municipais de Santiago e A Coruña, confirmou que si estará nas eleccións e o exalcalde de Santiago Martiño Noriega perfílase para dar o salto á política autonómica. Pola súa banda, Podemos Galicia activou as súas primarias, proceso ao que o seu líder, Antón Gómez-Reino, abriuse a concorrer. Esquerda Unida é a única que ten os deberes feitos ao ter escollido candidatos en decembro con Eva Solla á cabeza.

Así as cousas, e a pesar de que as relacións entre os socios do Grupo Parlamentario Común da Esquerda arrefriáronse nos últimos meses, EU, Podemos e Anova manteñen contactos para explorar a posibilidade de configurar unha candidatura conxunta da que exclúen ao partido En Marea que encabeza Luís Villares.

Estes últimos tamén estarán na cita do 5 de abril, como confirmou o propio Villares este martes. Sen pecharse a alcanzar "alianzas", En Marea activará nos próximos días o proceso para elixir candidatos.

CIUDADANOS

Tras o seu errado intento de entrar na Cámara galega en 2016 coa xornalista Cristina Losada como cabeza de cartel, Ciudadanos chega á precampaña galega nunha complicada situación pola perda de 47 deputados nas xerais do 10 de abril —entre eles os dous escanos que conseguira pola Coruña e Pontevedra o 28 de abril—, que levou a dimisión de Albert Rivera.

Nas últimas semanas, a súa portavoz no Congreso, Inés Arrimadas, propuxo ás forzas "constitucionalistas", con especial fincapé ao PP, unha alianza baixo a marca Mejor Unidos de cara ás futuras eleccións galegas, vascas e catalás. A portavoz do partido laranxa en Galicia, Beatriz Pino, quen adquiriu peso interno tras asumir o cargo de responsable adxunta de comunicación na xestora, apoia tamén esta "fórmula gañadora" fronte á "ameaza" de que a Xunta estea gobernada polo "nacionalismo e o populismo" se Feijóo perde a maioría.

No entanto, en vista de que o PP rexeita renunciar ás súas siglas para as próximas eleccións, Pino recoñece que Cs "non se expón" non concorrer ás urnas. "Levamos moito tempo, case cinco anos traballando en Galicia, asentados e con boa afiliación", asegura.

De presentarse ao 5 de abril en solitario, Ciudadanos debe organizar unhas primarias para conformar unhas listas e despexar a incógnita sobre o seu candidato á Xunta, tarefas que deben ser ratificadas pola xestora estatal, da que Pino forma parte. De acordo con fontes do partido, esta mesma semana concretarán o calendario co obxectivo de comezar a elaboración das súas candidaturas.

VOX, CUNHA DÉBIL ESTRUTURA

Pola súa banda, Vox entra na precampaña de Galicia e País Vasco inmerso na organización da súa asemblea xeral, o próximo 2 de marzo, e cunha débil estrutura territorial en ambas as autonomías.

Despois de non conseguir ningún deputado por Galicia o 10 de novembro —na Coruña quedou a 8.000 papeletas de conseguilo—, a formación de Santiago Abascal asume o reto de presentarse por primeira vez a unhas galegas.

A elaboración das súas listas recaerá directamente no Comité Executivo Nacional tras escoitar as propostas das direccións provinciais, que en Galicia están en mans de xestoras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Veremos canto tarda o BNG en darlle un posto na lista a Villares ! https://i.gal/gamela03 Carmela Silva pode ir nas listas á Xunta ser deixar o cargo na Deputación de Pontevedra ? A que sí pode...? Eva Solla encabezará a lista por riba de Martiño Noriega !!! E todo o demáis para VOX !

1 Gamela

Ollo ao piollo... Galicia só ten un antivirus que se chama 5% pois do contrario a cousa estaría bastante mal 119 mil para BNG e 114 mil para VOX ! Como para andar a xogar coa ausencia da cámara o día da apertura da lexislatura, seica a Nestor Rego deulle un apretón no último minuto para sacar a foto con JxCat Bildu ERC CUP ! Veremos como baila o can... polo pan ! https://resultados.elpais.com/elecc...