Silicose, o inimigo silencioso que ataca ao persoal das canteiras

Os sindicatos avisan que o número de persoas afectadas por silicose en Galicia aumenta sobre todo no sector da lousa. En cuestión de poucos anos, informes oficiais falan dun aumento dos casos enviados para ser estudados por especialistas. Aínda así, o proceso para estudar un caso de silicose é complicado, mesmo desde algúns organismos se sospeita que non son remitidos todos os casos que deberan ser analizados.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A silicose sempre foi relacionada coa minaría, área laboral onde se conseguira frear a súa incidencia nas últimas décadas. En Galicia a presenza desta enfermidade está relacionada coas actividades extractivas de lousa e pedra, cunha incidencia máis notable nas comarcas do sur da provincia de Lugo, en Valdeorras e Porriño. O Instituto Nacional de Silicosis (INS), situado en Oviedo, destacou o crecente número de casos que se achegan ás súas instalacións procedentes de Galicia e Castilla y León, en concreto das áreas con canteiras de lousa. Dentro do sector da pedra existe os datos son aínda escasos, mais as forzas sindicais están certas que a incidencia pode ser alta.

Canteira no Porriño
Canteira no Porriño | Fonte: Focus Piedra

SECTORES AFECTADOS

A silicose afecta a sectores onde os traballadores teñen contacto con partículas de sílice en suspensión. Pode ir desde as canteiras ata o traballo con próteses dentais, segundo un informe do Instituto de Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA). Mais son os traballos en canteiras, graveiras e areeiras onde a presenza de persoas afectadas ten unha maior densidade. Así o aseguran fontes sindicais e tamén estudos realizados no sector da lousa por parte do INS.

A serie de estudos realizados polo INS comezou en 2008 e finalizou en 2018 para a elaboración do informe “Nuevos casos de silicosis en el sector de la pizarra”. A evolución de casos consultados durante a década que abrangueu o estudo, o número de persoas afectadas pasou de 14 en 2008 a 142 en 2018, quedando por recoller os datos de 2019.

“Segundo os datos que nos achegou o INS, en Galicia habería algo máis de 700 persoas afectadas en total contabilizadas entre 2008 e 2018” sinala Plácido Valencia de CIG-Construción e Madeira. Ese número total inclúe as persoas afectadas nos últimos anos, tanto retiradas como aquelas que puideran seguir en activo. “En 2018 houbo un aumento do 35% de casos no sector da lousa, porque entre 2016 e 2017 houbo un parón no INS por cuestións administrativas e políticas no último goberno PP” di Javier Carreiro de UGT-Construcción. UGT contabiliza 550 persoas afectadas tamén segundo fontes do INS. CC OO contabiliza un total de 3.470 persoas en Galicia que estarían en contacto directo co po de sílice en calquera das 487 empresas que analizaron.

Datos de afección da silicose segundo o Instituto Nacional de Silicose
Datos de afección da silicose segundo o Instituto Nacional de Silicose | Fonte: INS

Actualmente son moi escasas as informacións sobre a incidencia da silicose en explotacións como as areeiras e áridos. A vontade das forzas sindicais neste punto é facer superar o medo de moitas persoas empregadas a facer as probas de detección. Á parte disto, logo da desaceleración que supuxo a crise económica, algunhas grandes empresas mercaron canteiras pechadas durante a recesión, mesmo abriron explotacións perto da fronteira con Portugal e dentro do territorio luso.

AVALIACIÓNS E PRESTACIÓNS

As mutuas das empresas, os sindicatos e outros organismos proporcionan informes sobre o estado da persoa afectada pola silicose. Esa persoa irá a Oviedo, ao INS por ser o centro de referencia a nivel estatal, onde se avaliará o seu estado. Dependendo do informe, a empresa procederá como corresponda, ou cambiando de posto de traballo ou o seu retiro por enfermidade.

O informe sobre a silicose dentro do sector da lousa, apuntaba que “Non existe constancia de que  os Equipos de Valoración de Incapacidade (EVI)” das provincias de Galicia onde a silicose ten unha forte presenza “envíen ao INS a totalidade dos expedientes de valoración de silicose, aínda que durante os últimos anos apuntouse un aumento no número de expedientes”.

As mutuas aseguradoras por exemplo, non teñen capacidade para realizar estudos para coñecer o grao de doenza, por iso derivan os casos á Seguridade Social” di Javier Carreiro. “Se as mutuas recoñecen que unha persoa ten unha doenza profesional deben asumir custes” di Plácido Valencia. Ditos custes son os que empurran a derivar doentes á S.S.

Por outra banda, ata 2015, a silicose de primeiro grao non era recoñecida como causa de incapacidade permanente total. Desta maneira o traballador ou a traballadora tiña a opción de cambiar de posto de traballo dentro da empresa. A cousa cambia ese ano de 2015 cando unha proposición non de lei do PSOE no Congreso dos Deputados pide reverter a consideración que tiña ata daquela a silicose de primeiro grao.

“A partir de 2015 pódese pedir a prestación por incapacidade co primeiro grao de silicose, mais por vía xudicial” di Plácido Valencia. “Temos xente de entre 40 e 45 anos dentro do sector da  lousa con incapacidade recoñecida pola silicose” apunta Javier Carreiro. A prestación é case “automática” en caso de que a persoa afectada teña silicose de grao dous ou tres.

CC OO estima oportuno a ampliación e aplicación dos coeficientes redutores  “a traballadoras e traballadores de canteiras,  graveiras,  areeiras e establecementos de beneficio vinculados á transformación de materias primas ademais de minaría”.

PREVENCIÓN

A día de hoxe a única vía posible para reducir os índices de silicose é a prevención. “En minería hai anos que está erradicada, pódese dicir, todo despois de décadas de estudos” di Javier Carreiro. “A prevención dentro do sector da lousa estase deixando sentir, mentres que aínda é necesario insistir en arreiras e áridos”.

“Temos que elevar os coeficientes reductores para a avaliación dos traballadores e traballadoras sen que teñan que pasar polo xulgado para reclamar a prestación” insiste Valencia. Por facer unha comparativa, agora mesmo, a xubilación dos traballadores portugueses neste campo é aos 55 anos, mentres que na parte galega “como moito podes adiantar catro anos a túa xubilación”.

“O gran problema é poder detectar a tempo a doenza, aquí non temos as ferramentas abondo para facelo” lamenta Javier Carreiro, quen ademais apunta a necesidade de estudar o impacto da silicose “en todos o lugares de traballo onde haxa po” similar á sílice. “Sería necesario que se crease en Galicia un instituto semellante ao INS” di Plácido Valencia, “así non habería que esperar á viaxe e os resultados de Oviedo”.

A silicose xa non é só cousa da minería, está presente en moitas actividades que non se tiñan en conta como focos de risco para esta doenza. Canteiras, talleres mecánicos, mesmo cantería ornamental poden afectar seriamente os pulmóns das persoas que traballen nestes sectores. De momento a administración galega conta co ISSGA para facer valoracións de incidencia, mais as análises en profundidade dos casos seguen habendo que facelas en Oviedo.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

Decía Feijóo que Galicia É unha mina como un mundo.Viva el vino dixo Rajoy