Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2020 | Actualizada ás 20:26
O expediente de regulación de emprego (ERE) que a dirección de Ibercaja expuxo este mércores aos representantes dos traballadores suporá, segundo a proposta inicial, a saída de 550 persoas e o peche de 160 oficinas. En Galicia, conta con seis sucursais en: Santiago, A Coruña, Vigo, Pontedra, Lugo e Ourense.
Segundo fontes sindicais, esta é a formulación que fixo o banco na primeira reunión, previa ao período formal de consultas, que mantiveron coa parte social este mércores, 12 de febreiro. O próximo encontro será o 17 de febreiro.
Ibercaja sinalou que este ERE responde a causas económicas e organizativas fronte á falta de rendibilidade do sector. O responsable de CC.OO. en Ibercaja, Miguel Ángel Villalba, explicou, en declaracións a Europa Press, que nesta primeira reunión que mantiveron coa dirección limitáronse a informalos de que os afectados serían 550 empregados e que se pecharían 160 oficinas.
Para Villalba, este número de saídas é "excesivo", pero indicou que poderá valoralo con máis precisión cando a dirección achegue o informe técnico no que sustenta o ERE, algo que previsiblemente fará na próxima reunión.
Así as cousas, destacou a importancia de que neste expediente prime a voluntariedade nas saídas e que as condicións sexan "dignas". Ademais, reclamou que as persoas que sigan no banco non cambien de localización e que se busquen medidas para que poida mellorar o seu posto de traballo.
"Preocupa que o traballo que facían as persoas que marchan teñan que cubrilo os que quedan e, na medida do posible, evitar a exclusión financeira" nos pequenos municipios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.