O mando da tele, desencadeante dun delito de homicidio que se salda con dous anos e medio de prisión

O acusado leva xa un ano ingresado en prisión provisional por tentar matar o seu compañeiro de piso.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2020 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia provincial de Pontevedra resolveu este xoves mediante un acordo de conformidade un xuízo por un delito de homicidio en grao de tentativa, que se saldou con dous anos e medio de prisión para un marinense por tentar matar o seu compañeiro de piso durante unha discusión polo mando da televisión.

O acusado, A.B.P., veciño de Marín, aceptou unha condena de dous anos e medio de prisión por tentar matar a coiteladas o seu compañeiro de piso tras recriminarlle que puxese cinta illante no mando do televisor.

Mediante este acordo de conformidade a Fiscalía rebaixou a petición inicial de penas de cinco anos despois de recoñecer o procesado a súa autoría e tras apreciar como atenuante que, no momento de cometer os feitos, o acusado se atopaba baixo os efectos do alcol e as drogas, así como a súa adicción ás sustancias estupefacientes.

Segundo recolle o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron o 26 de febreiro de 2019 nun piso de Marín onde convivían por razóns de traballo o acusado e a vítima.

Sobre as 22,00 horas iniciouse unha discusión na que o procesado recriminou ao seu compañeiro de piso a colocación da cinta illante no mando e, "con intención de acabar coa súa vida", tentou cravarlle un coitelo na barriga, sinala a Fiscalía.

O compañeiro de piso logrou apartarse, pero o agresor volveu tras el e dirixiulle varias coiteladas á cabeza e o abdome. Non conseguiu ferilo pola oposición do outro implicado.

O acusado leva un ano ingresado en prisión provisional por estes feitos.

Audiencia Provincial de Pontevedra.
Audiencia Provincial de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta