Operarios de Navantia e auxiliares abren unha nova onda de protestas

Unha concentración ante a porta principal do estaleiro de Ferrol dará comezo ao calendario de mobilizacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

Os traballadores de Navantia Ferrol e das compañías auxiliares iniciaron este xoves un novo calendario de mobilizacións para demandar carga de traballo no estaleiro, que terá "as bancadas baleiras" durante este ano e o próximo.

En declaracións aos medios deste xoves, o presidente do comité de empresa, Javier Galán, alertou da falta de traballo nos estaleiros ferroláns, polo que demandou a construción dun buque do tipo AOR.

"A única solución é a construción dun buque que xa teñamos deseñado. Sabemos da necesidade que teñen na Armada cun buque destas características, que sería a substitución do 'Patiño', pero estamos abertos a calquera outro tipo de buque que dea carga de traballo a este estaleiro nos anos 2020 e 2021", apuntou durnate a celebración dunha concentración ás portas do estaleiro ferrolán.

CALENDARIO

A protesta na entrada das instalacións de Navantia deu inicio a un calendario de mobilizacións que foi aprobado nunha asemblea desenvolvida desde as 10,00 horas no interior do estaleiro ferrolán.

Así, o 20 de febreiro está previsto unha mobilización por distintas rúas e avenidas de Ferrol na que tamén participarán os operarios de Navantia Fene e que concluirá ante o Concello de Ferrol. Unha semana máis tarde, o día 27, realizarán unha nova concentración ante a porta do estaleiro de Ferrol e acudirán durante a tarde ao pleno do consistorio da cidade naval.

O seguinte xoves, día 5 de marzo, haberá unha nova mobilización polas rúas durante a mañá e, pola tarde, os traballadores acudirán ao pleno do Concello de Fene. Unha semana despois, o día 12, terá lugar unha nova concentración ante a porta do estaleiro.

O domingo 15 de marzo está convocada unha manifestación comarcal e o 26 de marzo concluirá o calendario de mobilizacións cunha protesta conxunta cos operarios da antiga Astano, en Fene.

AUXILIARES

A preguntas dos medios de comunicación, Javier Galán sinalou que xa foron moitos os operarios das compañías auxiliares que perderon o seu posto de traballo "sobre todo no gremio de aceiros, tras a botadura do segundo buque AOR".

En canto ao proceso de novas incorporacións, Galán denunciou que a dirección do estaleiro ferrolán "fai oídos xordos" ao cumprimento do acordo alcanzado na Comisión de Emprego.

Así, o representante dos traballadores asegurou que "o sistema da páxina web está demostrado que non funcionou, xa que ata un 80% das instancias se rexeitaron".

Concentración ás portas de Navantia en Ferrol.
Concentración ás portas de Navantia en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta