O TSXG rexeita converter en indefinido un bombeiro de Ferrol contratado para campañas temporais

Reclamaba que se lle considerase persoal indefinido, pero ao que o tribunal atribúe labores unicamente "temporais".

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 14/02/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

A sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG desestimou o recurso interposto por un bombeiro do Concello de Ferrol que reclamaba que se lle considerase persoal indefinido, pero ao que o tribunal atribúe labores unicamente "temporais".

En concreto, o apelante solicitaba que o seu nomeamento se considerase fraude de lei porque aseguraba que ostenta a condición de persoal indefinido.

Con todo, o alto tribunal galego, que confirmou a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol, indica na resolución que se demostrou "que os labores realizados polo demandante durante os anos nos que se estenderon os seus nomeamentos foron temporais ou conxunturais". Por tanto, segundo os maxistrados, "non se produciron sucesivos nomeamentos temporais abusivos ou fraudulentos".

O recorrente explicaba na demanda que, desde o 2 de xaneiro de 2010, traballou para o Concello de Ferrol coa condición de funcionario interino, para a execución de programas de carácter temporal incluídos no convenio para a prestación do servizo de prevención e extinción de incendios nos concellos da comarca. O traballador consideraba, no entanto, que o nomeamento atendía "a necesidades permanentes".

"Non pode estimarse xustificado que o nomeamento obedeza a necesidades estruturais do Concello, senón a un reforzo do persoal, como consecuencia dos convenios de carácter anual celebrados para prestar os servizos contraincendios ao Concello de Narón e, posteriormente, aos municipios de Ares, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño", subliña o TSXG na resolución.

Así mesmo, advirte de que, para que poida considerarse inxustificada e fraudulenta esa práctica "non basta coa existencia de sucesivos contratos ou nomeamentos temporais celebrados cun mesmo empregado, pois ha de demostrarse unha necesidade, non meramente conxuntural, a cubrir, o que faría precisa a creación dunha praza estrutural no persoal, neste caso do Corpo de Bombeiros".

Fronte a iso, o tribunal destaca que o programa ten "unha duración predefinida" e que os sucesivos nomeamentos están "conectados a aqueles convenios de carácter anual".

Por iso, o TSXG conclúe que os nomeamentos como funcionario interino en favor do recorrente se produciron "como consecuencia dos sucesivos convenios celebrados anualmente, nos que se analizaban os efectivos existentes e estimábase preciso recorrer ao reforzo do actor como bombeiro interino", pero iso non entraña, segundo os maxistrados, "unha necesidade permanente, senón unha necesidade conxuntural de reforzo que se ía renovando ano tras ano desde o 2010".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta