Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2020 | Actualizada ás 17:16
O portavoz de En Marea, Luís Villares, instou a Anova a "ter en conta o que pasou nas últimas xerais". Segundo o maxistrado en excedecia, os nacionalistas quedaron "completamente excluídos" da coalición Galicia en Común, marca de Unidas Podemos na comunidade. Fíxoo, en declaracións á Radio Galega este venres, no marco das conversacións de que falta menos dunha semana para o peche do prazo para o rexistro de coalicións.
Villares apelou á "experiencia previa" de Anova nas súas relacións co partido morado galego, cuxo líder, Antón Gómez-Reino, confirmou este venres que optará ás primarias para ser candidato á Presidencia da Xunta por Galicia en Común, a fórmula pola que apostan para ir ás autonómicas do 5 de abril.
"Anova debería ter en conta o que pasou nas últimas xerais, que foron completamente excluídos", indicou o portavoz de En Marea sobre a formación nacionalista, que vai da man das mareas municipalistas en aras dunha candidatura máis ampla que Galicia en Común, aínda que mantén contactos abertos cos seus socios nos últimos anos, Podemos e EU.
Para Villares, Podemos "non é unha forza que poida considerarse especialmente autonomista nin tampouco é concibida como especialmente municipalista", polo que descartan explorar acordos co partido morado, aos que acusa de supeditar "calquera interese de partido aos galegos"·.
Así as cousas, o líder de En Marea insiste en convidar a Anova e ás mareas municipalistas de Santiago (Compostela Aberta) e A Coruña (Marea Atlántica) a pechar un "acordo amplo" para concorrer conxuntamente ás eleccións. "A cidadanía de Galicia recibiríao de maneira moi positiva", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.