O BNG levará ao Congreso a persecución xudicial contra organizacións independentistas galegas

Néstor Rego cuestiona que se pida de novo a ilegalización de Causa Galiza sen que exista ningún elemento novo que o xustifique. Independentistas procesados na Operación Jaro anuncian que participarán na campaña electoral.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2020 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O BNG demanda explicacións ao Goberno central sobre a mudanza de posición por parte da Fiscalía do Estado, pasando de, aparentemente, pretender apoiar a retirada dos cargos a solicitar penas de prisión para todos e todas as procesadas no operativo Jaro II. Esta acción policial supuxo a ilegalización das organizacións Causa Galiza e Ceivar e o procesamento de nove militantes baixo a acusación de ser o “brazo político” de Resistencia Galega.

Rolda de prensa dos imputados na Operación Jaro
Rolda de prensa dos imputados na Operación Jaro | Fonte: Europa Press.

A formación nacionalista ve neste operativo “un claro exemplo da utilización da Administración de Xustiza e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para a persecución de ideas políticas”, en concreto para perseguir o independentismo político galego. “Todo o operativo policial e xudicial despregado non levou á localización de probas da comisión de ningún delito, ao contrario, puxo de manifesto a intención de investigar, perseguir e criminalizar a actividade política independentista”, indican os nacionalistas nun comunicado.

O BNG considera “inxustificada esta actuación e desproporcionadas as penas” que pide a Fiscalía que van dos catro aos doce anos para os doce investigados, sumando un total de cento dous anos. Estas penas inclúen o delito de integración en organización criminal para a comisión de enaltecemento do terrorismo, solicitando dous anos máis para cada acusado e acusada por cada unha das veces que a Fiscalía considera que se incorreu nese enaltecemento.

OS INDEPENDENTISTAS “ESTARÁN” LAS ELECCIÓNS

Por outra banda, o colectivo de independentistas presos anuncia que participará nesta campaña electoral. A través dun boletín interno anuncian que “a campanha permanente para conscientizar setores sociais, sindicais e políticos do País da necessidade dumha oposiçom ampla, diversa e massiva ao juízo da Operación Jaro estará presente nas Autonómicas 2020”.

“Independentistas julgad@s na Audiencia Nacional converteremos a tentativa do Governo espanhol de ilegalizar o independentismo e encarcerar doze militantes em elemento de debate e agenda política”, indican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta