Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2020 | Actualizada ás 13:45
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, incidiu en que se presenta como candidata á Presidencia da Xunta con "todas as ganas de liderar o cambio", para "gañar o partido, non para un empate, nin para quedar en segunda posición". Iso si, conveu que o cambio de cor política na Xunta non vai depender só dunha formación, aínda que incidiu en que os galegos "primeiro teñen que falar nas urnas".
Así o manifestou este luns a dirixente nacionalista en rolda de prensa este luns, na que explicou que o BNG, cun proxecto "sólido e consolidado", arrincou a elaboración de listas electorais, que serán aprobadas nun Consello Nacional o próximo 29 de febreiro, xunto co programa electoral.
Pontón, ao ser preguntada por se a situación doutros partidos e confluencias pode ir en contra do obxectivo que se marcou o BNG, lembrou que ten por "norma non valorar as situacións doutras forzas políticas" e "respectar". Con todo, avisou que a división na esquerda non axuda a un cambio na Xunta.
CANDIDATURAS
Sobre a candidatura nacionalista dixo que será "de excelencia, combinando renovación e experiencia" e con persoas procedentes "de todos os ámbitos e sectores que representen a realidade deste país". Persoas "honestas, competentes e solventes, reflexo do futuro da Galicia" que o BNG "quere construír". Nestas candidaturas estará reservado un "papel moi destacado" para as mulleres, que son "panca para desenvolver políticas de igualdade e feministas", coa incorporación de xente nova.
O BNG prepara unha campaña de "proximidade", de "falar cada a cara, moito coa xente, petando na porta". As cidades terán un "papel destacado, pero será a campaña dos pobos" tamén, detallou Ana Pontón. Así, o rural terá o "peso que se merece" nunha campaña que, pola contra, "perdería parte da súa identidade".
"PROPAGANDA E MENTIRA" DE FEIJÓO
Neste sentido, avisou ao PP e a Feijóo de que o BNG "non vai deixar pasar por alto" a "propaganda e o engano". Ao seu xuízo, ao presidente da Xunta "cústalle saír dese marco", pero considerou que os galegos "teñen dereito a unha campaña libre de mentiras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.