A manifestación do mércores pedirá en Santiago o "peche das casas de apostas" xa que "non son unha opción de lecer digno"

Alertan da proliferación deste tipo de establecementos, que "están a levar á ruína á mocidade" e piden implicación ao Goberno central. Denuncian tamén as estratexias publicitarias, nas que se empregan xogadores de fútbol ou persoas coñecidas para atraer clientes e "normalizar" esta actividade

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/02/2020 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

Integrantes da plataforma Compostela Sen Apostas presentaron este luns a manifestación que o vindeiro mércores acollerá a Alameda de Santiago para reclamar o "peche das casas de apostas" e a "prohibición do xogo en liña", así como unha alternativa de "lecer digno" para os mozos.

A cita será ás 20:30 horas do próximo mércores na Alameda de Santiago, onde os convocantes buscan "denunciar a expansión deste negocio que está a levar á ruína aos mozos". "Ofrécenlles, sabendo que é mentira, grandes sumas de diñeiro", explicaron os integrantes da plataforma, para quen esta "non é unha opción de lecer digno".

En particular, denunciaron as estratexias publicitarias, nas que se empregan xogadores de fútbol ou persoas coñecidas para atraer clientes e "normalizar" esta actividade e, nesta liña, viron positivas as restricións á publicidade destes establecementos anunciadas polo ministro de Consumo, Alberto Garzón.

Afirmaron que non se tratan de pasos "definitivos", que deberían pasar polo peche de todas as casas de apostas e a prohibición do xogo en liña. Este tipo de industria, criticaron, mete ao usuario nun ciclo do que "é moi difícil saír" e que o conduce "á pobreza". "É un modelo de negocio sostido na dependencia, que destrúe ás familias e ás persoas", resolveron.

Para finalizar, incidiron en que se trata dun sector "moi propicio para o machismo", no que a figura da muller emprégase "como un elemento de atractivo e un obxecto de consumo máis" para atraer a clientes masculinos. Por ese mesmo motivo, destacaron, tamén ás mulleres con problemas de ludopatía cústalles máis requirir axuda.

Rolda de prensa de Compostela sen Apostas.
Rolda de prensa de Compostela sen Apostas. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta