Noriega avisa a Podemos que "prescindir" de Anova e as mareas pon "en risco" o "cambio político"

O exalcalde admite que hai "conversacións" pero non "negociacións" porque Podemos insiste en manter a súa "postura hexemónica".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2020 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

O exalcalde Santiago e membro de Anova, Martiño Noriega, advertiu a Podemos que "prescindir" do soberanismo e o municipalismo que encarnan Anova e as mareas locais pon "en risco" a posibilidade de que se produza "un cambio político" en Galicia cun goberno alternativo ao Partido Popular de Alberto Núñez Feijóo.

Este luns, a cinco días do peche do prazo para o rexistro de coalicións electorais, Noriega asegurou que existen "conversacións" con Podemos e Esquerda Unida pero non "negociacións" para configurar unha candidatura unitaria da chamada esquerda rupturista, que podería concorrer á cita coas urnas do 5 de abril dividida en tres listas diferentes.

Noriega, que exclúe das conversacións á En Marea de Luís Villares, insistiu en que, polo momento, as posturas están afastadas porque Podemos pretende manter unha "posición hexemónica" sobre o espazo político, mentres que Anova e as mareas de Santiago e A Coruña consideran que a oferta electoral da candidatura estaría "incompleta" se non se inclúen as vertentes soberanistas de Anova e municipalista das mareas.

Segundo o responsable de relacións de Anova co espazo político, a cuestión non está na "nomenclatura" da candidatura ou na persoa que a encabece, senón en que se recollan "todas" as sensibilidades en condicións de "igualdade" para así continuar coa idea de unidade popular da que, para Anova, se desmarcou Unidas Podemos.

"Sabemos que hai un amplo sector da poboación que demanda que esa chave de cambio teña todos os dentes", subliñou Noriega, quen reiterou que, haxa ou non acordo con Podemos, Anova estará nos comicios do 5 de abril nunha lista coas mareas municipalistas.

Así as cousas, considera que existe marxe para rubricar un acordo antes do venres porque "as pontes" entres as distintas formacións do espazo político seguen en pé, aínda que cre que a postura de Podemos está lonxe de seguir na senda da "unidade popular" que se iniciou en 2012 coa coalición para as autonómicas Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

Neste sentido, reivindicou o modelo das mareas municipalistas para o seu traslado á política autonómica, pois, segundo Noriega, nestes espazos "non houbo problemas internos" e conseguiron manter "un apoio cidadán do 20 por cento" a pesar da derrota nas urnas.

NON DAN OS NÚMEROS

Ademais, Martiño Noriega apoiouse nas enquisas electorais publicadas nas últimas semanas para advertir de que está en risco a posibilidade dun "cambio político" en Galicia e que, neste escenario, a esquerda rupturista sería "unha chave" á que "non se lle poden quitar dentes", en referencia á posibilidade de que Galicia En Común, Anova e as mareas non alcancen un acordo que evite que concorran por separado.

E é que, segundo o exregidor santiagués, "coa melancolía do bipartito" non é suficiente para unha maioría alternativa ao Partido Popular. "A día de hoxe non vin ningunha enquisa que lle quite a maioría abosluta ao PP nin sumando coa extrema dereita. Iso é porque a esquerda rupturista non está", apostilou, antes de reivindicar o peso que "aritmético" achegan as formacións que en 2016 integraron o partido instrumental En Marea.

EXCLÚE A EN MAREA

Noriega, como xa fixo o pasado sábado o portavoz nacional do seu partido, Antón Sánchez; exclúe destas conversacións á En Marea de Luís Villares, pois cren que "despois de perder o apoio das organizacións" que no seu día a crearon, "tivo a oportunidade de testar" a súa oferta política nas eleccións xerais de maio, nas que obtivo pouco máis do 1 por cento dos votos.

En relación ás críticas vertidas por Villares desde fai máis dun ano pola influencia de Podemos no espazo político, o referente de Anova quixo desamarcarse do "discurso" do maxistrado en excedencia, aínda que recoñece que a formación morada trasladou a Galicia a súa intención de asentarse territorialmente "ocupando espazos que antes eran compartidos" como, di, ocorreu antes en Cataluña, Valencia ou Andalucía.

Isto, continuou, "non é novo" en política, pois ocorreu "co PSOE ou o BNG no seu momento", polo que chamou a restar "dramatismo" á situación, aínda que cre que a falta de entendemento entre a esquerda rupturista resta opcións a alcanzar unha alternativa parlamentaria ao PP.

ESQUERDA UNIDA

Minutos antes da rolda de prensa de Martiño Noriega como portavoz de Compostela Aberta comparecía ante os medios, tamén en Santiago, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, que expresou a súa confianza en que poida pecharse un acordo antes do venres.

A cabeza de lista para as autonómicas de Esquerda Unida, que aposta por manter a fórmula Galicia en Común para o espazo en consonancia cos seus socios estatais de Podemos, manifestou que "hai marxe" para sumar a Anova á candidatura porque "non sobra ninguén".

Cuestionada sobre as críticas lanzadas polos responsables de Anova, Solla destacou que "a xenerosidade está sobre a mesa" e que tentarán sumar os nacionalistas ata o último momento.

Sobre a candidatura do secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, ás primarias da súa formación, Solla manifestou o seu "respecto" aos procesos internos dos seus socios.

O portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega
O portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

3 Desfeita

Noriega e Ferreiro deberon pensar mellor antes de faceren o traballo suxo a Podemos-EU na Marea. Agora Podemos desprézaos, non teñen volta ao BNG, e aínda seguen sen querer sentar con Villares! Veñen outros catro anos de feijoada.

2 Xa chega

E tivemos que aturar seguido con que este tiña o seu oficio que non sei que. Pero ten praza fixa ou non? Que pesadez extrema, leva desde as municipais con que quere ir nalgunha lista. Por que non se presenta polo seu partido? Ten dous ademais, Compostela Abierta e Lanueva, que monten algunha lista e deixen en paz a xente

1 a fantasma de Amio

Pois claro que ten un oficio, un no que traballou moitos anos e no que volverá a traballar algún día. A a ver se pensas que é como os teus líderes do BNG, que entre todos non traballaron nin medio día. Pesadez extrema é a dos trolls do BNG que cada vez que hai unha nova sobra Anova tedes que publicar unha media de 20-30 "comentarios" con insultos, descalificacións, patalexos, choros e outras lindezas. A ver se superdades dunha vez Amio e asumides a existencia de novos actores políticos en Galiza, que xa vai sendo hora.

2 Que dia vai volver

Cando vai chegar ese día? Ten a praza? Cantos anos traballou? "Novos actores" que o único que fan é pedir que outros partidos os metan nas súas listas.

1 achungala

Momias, máis que momias!