Esquerda Unida prioriza a mellora do emprego en Galicia para a campaña das autonómicas

Avanza a elaboración dunha Lei de Emprego que formará parte do programa. Eva Solla cualificou de "década negra" a etapa de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, que presenta un "balance totalmente negativo" con "a perda de máis de 50.000 postos de traballo en dez anos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2020 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

Esquerda Unida fixou a situación do emprego en Galicia, marcado pola "precaridade" das condicións laborais, como unha das prioridades sobre as que pivotará a campaña das autonómicas, eleccións ás que concorrerá en alianza con Podemos.

Nunha rolda de prensa celebrada este luns, a coordinadora nacional de EU, Eva Solla, avanzou que o programa da coalición (aínda sen definir) incluirá unha Lei de Emprego que pretenden presentar "desde o goberno" no primeiro semestre da lexislatura. "A mellora do emprego é a principal prioridade para EU e así se trasladará ao programa de confluencia, con propostas específicas para persoas desempregadas de longa duración, melloras para os mozos, maiores de 45 anos ou as que tiveron que irse para traballar fóra, entre outras", sinalou Solla.

Así, cualificou de "década negra" a etapa de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, que presenta un "balance totalmente negativo" con "a perda de máis de 50.000 postos de traballo en dez anos". "Queremos que o servizo público de emprego no noso país sexa un verdadeiro axente de procura activa de emprego e de orientación", apuntou Solla, que tamén subliñou a necesidade de aumentar recursos para o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Neste sentido, e tras alertar que Galicia é a comunidade con máis mortalidade laboral do Estado, apelou a reducir a sinistralidade laboral a través de maior inspección, acabar con "a fraude" na contratación e "terminar" coa brecha salarial entre homes e mulleres.

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, en rolda de prensa. ESQUERDA UNIDA - Arquivo
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, en rolda de prensa. ESQUERDA UNIDA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Se fose posible voto revocatorio votaría por Eva Solla fóra das listas ! http://www.sinpermiso.info/textos/l... Pero temos unha democracia moi pouco desenvolvida e por iso que Yolanda Díaz lle pasa as fotocopias a Eva Solla para que faga campaña electoral en Galicia (o malo é que nin ler sabe) https://cabozo.com/taboext.php?grup...

1 Partido taksi

Igual quere decir que a mellora do emprego para os membros de EU é unha prioridade en Galicia