O abandono rural está poñendo en perigo o viño galego?

As D.O galegas non estiman preocupante de momento o número de baixas entre os viticultores do país. O que si estiman necesario é unha maior formación para o sector ademais de cambiar a lexislación que permita desenvolver a viticultura como segunda actividade. Este último punto, segundo forzas sindicais agrarias, é o que evitaría o abandono de fincas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/02/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O abandono do rural tamén se deixa sentir no sector do viño galego, coa falta de relevo para algunhas explotacións medias ou pequenas. Ademais dos factores xerais que afectan ao rural, a produción das viñas galegas, aínda que rendible e con mercado, está condicionada por usos legais que, en ocasións, van en prexuízo dos produtores máis pequenos. É o caso das persoas que axudan na vendima a un familiar ou a quen lle mercan uva. Tamén está o caso de pedir autorización coa idea de que sexa unha segunda actividade. Quen queira ter unha viña para traballar a fin de semana nela, debe ser un agricultor profesional. Así se perden novas incorporacións para o sector.

Vendima nunha viña da D.O. Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras
Vendima nunha viña da D.O. Valdeorras. Foto: CRDO Valdeorras

MODELO LABORAL

O modelo tradicional de explotación vitivinícola en Galicia eran e son aínda, pequenas parcelas que eran un complemento para a economía familiar. O traballo desenvolvíase dentro do ámbito familiar e coa axuda dalgúns parentes ou veciños. Este modelo choca actualmente coas leis de seguridade laboral, se non hai contrato polo medio pode haber unha multa. Outra cuestión é que se recoñeza como labor agrario a actividade en viñas propiedade de persoas que as teñen como actividade para a fin de semana ou días festivos. Nese caso, débese estar rexistrado como agricultor profesional.

Estas circunstancias ameazan o modelo tradicional de produción, o mesmo que mantivo durante moito tempo a elaboración de viño galego. “O modelo de pequenas explotacións cambia a un modelo onde se fan grandes concentracións de fincas por parte de grandes propietarios” di José Ramón González, do sindicato agrario Unións Agrarias (UUAA). “Isto suplanta ao pequeno propietario, que para nós é unha maneira de facer que debe continuar”.

González cre que a aposta está en apoiar a todas as viñas que seguen adiante a día de hoxe, xunto as propiedades de 5.000 ou 6.000 metros cadrados, ademais dos que non son profesionais do sector. Ese apoio tamén implicaría un cambio lexislativo e político. “As liñas de axudas da Xunta non potencian ao pequeno viticultor, porque se lles presentan moitas veces dificultades para o acceso ás mesmas” remarca González.  O membro de UUAA tamén lembra que “só o 5% das persoas que traballaban no viño o facían a tempo completo, a gran maioría eran persoas que compaxinaban este labor con outras actividades”.

SECTOR ATRACTIVO PARA A XENTE NOVA?

“Hai xa dez anos avisabamos do abandono de explotacións na D.O. Ribeiro, a maioría das persoas que tiñan viñas eran xente de idade que xa non podía atendelas, ademais que as parcelas eran moi pequenas” explica José Ramón González.

Juan Casares, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, coincide en que si hai abandono, mais este fenómeno é parello a outros sectores agrarios. As análises realizadas polo equipo de Casares indicaban que o abandono estaba motivado por "unha idade media avanzada, 62 anos, para os viticultores e a superficie das viñas". As propostas para fomentar o relevo xeracional, segundo un estudo da D.O. Ribeiro e as tres universidades galegas pasaban polo fomento do enoturismo, mellorar a promoción do viño ribeiro e mobilizar fincas.

José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, non ve dentro da súa denominación unha falta de xente nova que se incorpore ao sector. “Iso si, agora a maioría incorpóranse como man de obra e non como autónomos como eramos os primeiros”. Con todo, Rodríguez tamén fala de novas incorporacións empresarias dentro de Ribeira Sacra.

Miguel López, director técnico do Consello Regulador da D.O. Monterrei, declara que si hai persoas que se dan de baixa da actividade. “As parcelas que quedan, ou pasan a outros propietarios medios ou senón as adegas están interesadas en comparar”. Preguntado sobre a idade media dos viticultores activos a día de hoxe, López sinala que “a maioría pasan dos 50 anos, xa é unha idade avanzada no sector, por iso hainos que alugan as terras ou directamente as venden”.

Pola súa banda, Jorge Mazaira, do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, fala de “pouca incorporación de xente nova, mais estamos interesados en que haxa un relevo xeracional, claro”. Os motivos detrás dese baixo relevo actual poden ser, segundo Mazaira, “que os trámites burocráticos son complicados, tamén a superficie á que se accede porque, para ter rendibilidade, a explotación debera ter unhas dúas ou tres hectáreas”.

FORMACIÓN, UNHA APOSTA NECESARIA

“Hoxe en día as condicións de traballo melloraron notablemente, nada que ver cando hai anos a maioría dos labores eran a man” sinala José Manuel Rodríguez. “Os produtos fitosanitarios tamén axudaron moito a mellorar a calidade e a produción”. Sobre investimentos necesarios para iniciar unha actividade vinícola, Rodríguez di que non hai cantidades fixas, pois todo depende das superficies a tratar.

A produción de viño é o "motor económico da comarca, cohesiona o territorio e fixa poboación" na D.O. Ribeiro, sinala Juan Casares. "Hai que ser realistas e para iso fixemos un estudo coa axuda da Deputación de Ourense, para coñecer os números reais de adegas e viticultores". As cifras reducíronse case á metade tanto en adegas como profesionais. Por iso, Casares xunto co equipo de expertos están preparando un plan de acción para o período 2020-2021 que buscará tanto promocionar o relevo xeracional como a mellora da produción mediante insumos como os tecnolóxicos e de formación.

Aínda que existen centros de formación tanto universitarios como de grao medio, as D.O ven moi necesario a creación de novas infraestruturas formativas. “Estamos tramitando xa a documentación para abrir un centro de formación, ciclo medio de FP, na nosa denominación de cara a darlle continuidade ás pequenas empresas”, explica Jorge Mazaira.

“Cremos que hai un gran potencial, con xente nova que quere apostar con novas adegas e novos propietarios que herdaron terreos” di Miguel López. “Este é un sector mecanizable nesta comarca pola orografía e o clima, os dous factores axudan a reducir custes en mecanización”. En tal caso, o viño na D.O. Monterrei “move a comarca”, con todo estiman necesaria unha política favorable a que a xente nova quede no lugar.

Aínda que tamén experimenta o abandono de fincas como o resto do rural, o sector do viño leva unha tendencia a concentrar propiedades, xunto a unha maior tecnificación. As necesidades que apuntan as diferentes denominacións están relacionadas coa lexislación laboral, o acceso a liñas de crédito, a formación e a tecnificación do campo. Por outra parte, a importancia de mellorar as condicións de vida dentro do rural, é un factor a ter en conta, neste e noutros sectores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta