A Seguridade Social perde afiliados estranxeiros en Galicia

Xaneiro rexistra 38.828 afiliados, 747 menos que o mes anterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A Seguridade Social rexistrou durante o mes de xaneiro en Galicia 38.828 afiliados estranxeiros, o que supón 747 menos que o mes anterior, unha caída do 1,89%, segundo os datos feitos públicos este xoves polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Por provincias, a que rexistrou unha maior caída foi Pontevedra, con 291 cotizantes estranxeiros menos en xaneiro, ata 13.542; seguida da Coruña, que perdeu 287, ata os 14.546; Lugo, onde diminuíron en 101, ata os 5.670; e Ourense, onde figuran dados de alta 5.070, 68 menos que o mes anterior.

Fronte a iso, en taxa interanual, os afiliados estranxeiros á Seguridade Social en Galicia aumentaron un 10,8%, o que supón 3.786 cotizantes máis que en xaneiro de 2019.

Dos 38.828 estranxeiros afiliados en Galicia, 21.846 son homes e 16.982 son mulleres. Así mesmo, 22.907 proceden de países de fóra da Unión Europea e 15.921 son da UE.

Entre os comunitarios, destacan os 8.002 traballadores portugueses, os 2.812 romaneses e os 1.806 italianos; mentres que, desde fóra da UE, as nacionalidades que achegan máis afiliados son Venezuela --3.536--, Brasil --2.400--, Marrocos --2.071--, Colombia --1.866-- e China --1.506--.

POR SECTORES

Do total de estranxeiros dados de alta en Galicia en xaneiro de 2020, a maior parte --30.757-- estano no réxime xeral, dos que 1.170 corresponden ao sistema agrario e 3.205 ao do fogar. Así mesmo, 6.851 son autónomos e 1.220 pertencen ao réxime do mar.

No réxime xeral, destacan os estranxeiros afiliados no sector da hostalaría --6.265--, na industria manufactureira --3.478-- e en comercio, reparación de vehículos a motor e motocicletas --3.400--. Como autónomos, pertencen en maior medida ao comercio e reparación de vehículos a motor --2.127-- e á hostalaría --1.366--.

Evolución dos afiliados estranxeiros á Seguridade Social a nivel nacional.
Evolución dos afiliados estranxeiros á Seguridade Social a nivel nacional. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta