Mulleres galegas do mar viaxan a Bruxelas para reivindicar o seu traballo

Trátase dunhas xornadas europeas organizadas no Comité Económico e Social.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

Unha delegación galega de mulleres do sector pesqueiro e de marisqueo, organizada pola portavoz do BNG en Europa Ana Miranda, desprazarase a Bruxelas a próxima semana para participar nas xornadas europeas Mulleres na Pesca, no Comité Económico e Social Europeo.

A comitiva levará a Bruxelas a voz dunha ampla representación das mulleres que traballan no sector. "Coñecer as situacións laborais específicas e dificultades das mulleres no mar, visibilizar o seu traballo e polo en valor de forma que teñan un papel activo na toma de decisións no sector pesqueiro desde a igualdade, é o principal obxectivo destas xornadas", destacou Miranda.

As xornadas celebraranse entre o luns 24 de febreiro e o mércores 26 e permitirán desde o primeiro momento o intercambio de experiencias entre mulleres procedentes de distintos países europeos. O propio luns haberá un encontro con grupos de Croacia, Chipre, Irlanda, Reino Unido e Azores.

O martes, a delegación participará no seminario europeo sobre 'Os procesos da toma de decisión na pesca polas institucións europeas tendo en conta a perspectiva de xénero', ademais dun encontro multilateral con representantes das institucións europeas. Finalmente, o mércores celebrarase a asemblea xeral da Rede Europea de Mulleres da Pesca.

Manola, redeira de Cangas no Berbés © Miguel Nuñez
Manola, redeira de Cangas no Berbés © Miguel Nuñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta