As matronas galegas rexeitan sistematizar inducións ao parto na semana 39 porque "implican riscos"

Rexeita a proposta da Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/02/2020 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Matronas (AGAM) rexeita a proposta da Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia (SEGO) de sistematizar inducións ao parto na semana 39 sen apoio da evidencia científica porque estas "non son inocuas" e "implican riscos" para a nai e o bebé.

Matrona atendendo un embarazo
Matrona atendendo un embarazo | Fonte: remitida

As matronas galegas mostraron a súa "preocupación" pola "posibilidade de ofrecer inducións sistemáticas a todas as mulleres de baixo risco na semana 39 de xestación".

"A evidencia científica actual indica que o embarazo normal é aquel que dura de 37 a 42 semanas de xestación", expón a AGAM, que engade que as "inducións non son inocuas, implican riscos a curto e medio prazo, tanto para a nai como para o bebé".

Neste sentido, reivindican que os resultados perinatais "máis satisfactorios en partos de baixo risco atópanse naqueles partos atendidos en unidades xestionadas por matronas, co mínimo de intervencións posibles".

A AGAM advirte de que en España se superan "as taxas de inducións recomendadas pola OMS e outras organizacións". "Se o que se pretende é mellorar os resultados perinatais, o camiño a seguir, do mesmo xeito que se fai noutros países, é reducir intervencións e non incrementalas", subliña.

Por iso, ve "sorprendente que unha sociedade científica como a SEGO realizase unha acción" como esta, "pondo de manifesto un conflito de intereses, xusto cando nas próximas semanas organiza un congreso patrocinado precisamente por unha coñecida marca de medicamentos empregados para a indución".

"Convidamos a SEGO a recapacitar e deixar de animar aos profesionais a actuar en base a estudos illados e a sospeitosas colaboracións económicas que non fai máis que desvirtuar a seriedade e rigor que a cidadanía española espera dunha entidade científica da súa condición", sentencian as matronas galegas.

Por outra banda, a AGAM rexeita a xudicialización dos partos. Así, lembra que "cada vez son máis os casos de mulleres que reciben ameazas ou coaccións para someterse a intervencións en contra da súa vontade ou sen o seu consentimento informado, chegando mesmo a imporse un sometemento ao criterio médico por orde xudicial e a terminar forzándoas ás citadas intervencións".

"As matronas mantemos o noso compromiso de defender o dereito das mulleres a ter o parto que elas decidan, asistíndoas coa menor intervención posible seguindo as recomendacións da OMS e as guías de práctica clínica do Ministerio de Sanidade", conclúen para sentenciar que "o parto non é nin dos obstetras nin das matronas: o parto é das mulleres".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta