Santiago Abascal compara o presidente da Xunta con Pujol: "Naceu Jordi Feijóo"

Critícao por, segundo o líder da ultradereita, usar a "vella táctica do separatismo catalán". Feijóo responde con ironía: "Muto os meus apelidos; onte era Torra e hoxe, Pujol".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2020 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

O líder de Vox, Santiago Abascal, reaccionou este venres, despois de que na pasada xornada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, descartase nunha entrevista televisiva pactar coa súa formación tras as eleccións autonómicas do próximo 5 de abril.

O presidente de VOX, Santiago Abascal, en rolda de prensa. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
O presidente de VOX, Santiago Abascal, en rolda de prensa. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

No seu perfil de Twitter, Abascal alude á afirmación de Feijóo de que "Vox é un partido que está contra Galicia" e o compara co catalán Jordi Pujol. "Feijóo, que afirma que Galicia é unha "nación sen Estado", usa a vella táctica do separatismo catalán que convertía as críticas a Pujol en ataques a Cataluña. Naceu Jordi Feijoó", esgrime Abascal.

Trasladouno un día despois de que Feijóo, nunha entrevista en "Los Desayunos de TVE', garantise que non pactará con Vox, con dous argumentos: non cre que ese pacto fose "bo" para os galegos e, "sobre todo", non considera que "vaian ter representación parlamentaria".

"Non teño ningún interese nin compromiso de pactar con Vox e non o farei", sentenciou o mandatario galego.

RESPOSTA DE FEIJÓO

Núñez Feijóo respondeu este venres con ironía a Abascal. "Muto os meus apelidos; onte era Torra e hoxe, Pujol", respondeu o dirixente popular galego.

"Non sei se na miña casa estarán moi de acordo con isto", engadiu, antes de asegurar que ten "a sensación" de que en Galicia lle coñecen polos seus dous apelidos, que lle levan "acompañando toda a vida, desde a partida de nacemento".

Ao seu modo de ver, estas cuestións, "do mesmo xeito que Venezuela" (en alusión á información sobre supostas irregularidades en fondos para a emigración e ás críticas da oposición), "non deixan de pór un pouco de salsa nesta campaña" para as eleccións autonómicas do 5 de abril.

"Pero eu vin aquí a falar de Galicia, quen queira ouvir a miña opinión sobre Galicia, estou á súa disposición. E quen queira ouvila sobre estes comentarios tan simpáticos... non me van producir máis que una certo sorriso", remarcou, antes de incidir na "formulación tan pouca realista dalgúns políticos con este inicio de precampaña".

"Se empeza así (a carreira cara ás urnas), todas as cousas que imos descubrir...", concluíu.

CRÍTICAS DE ORTEGA SMITH

Á polémica sumouse o secretario xeral nacional de Vox, Javier Ortega Smith, quen afirmou este venres que Núñez Feijóo, está "nervioso" porque eles son "antichiringuito" e "antifeudo", e acusouno de estar "mimetizándose" cos nacionalismos separatistas.

"O primeiro que nos preocupa enormemente é que Feijóo estea mimetizándose coa linguaxe dos nacionalismos separatistas", asegurou Ortega Smith en declaracións aos medios nun almorzo informativo de Nueva Economía Fórum, á vez que reprochou ao presidente do Goberno galego que fale en nome de Galicia, porque "é o presidente da Xunta pero non representa a todos os galegos".

"Está nervioso porque sabe que os galegos son moi intelixentes, os galegos saben o que é traballar duro e non queren que lles conten historias, os galegos saben que se pode amar  Galicia profundamente sen desprezar o resto de España, os galegos saben que Galicia non é unha nación aínda que o señor Feijóo cría que era unha nación sen Estado e así nolo contaba, os galegos saben que se pode falar galego e defender o galego pero non por iso prohibir o español nas escolas e nas administracións como fai a política lingüística de imposición do galego, o señor Feijóo e o PP en Galicia", detallou.

"Non hai máis que ver os seus mitins, todo cheo de bandeiras galegas e non ves unha soa española", apostilou o dirixente de Vox, antes de expor se "ser galego é contrario a ser español".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sotavento

Dous traxes do mesmo corte.