A sociedade galega co seu voto debe parar e así haino facer, á dereita nas súas políticas antisociais e o seu “desgoberno autonómico”. Case a metade dos cidadáns aínda non teñen decidido o seu voto. Neste gran colectivo está o núcleo duro desta marea que comeza a bruar no medio dun mar que pode converterse nun tsunami popular.
A aparición na escena política da Alternativa Galega de Esquerda liderada por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz comezou a xerar unha importante ilusión colectiva. Xa non se trata só de captar o voto deste ou daqueloutro partido progresista. Aquí está en xogo lograr unha forza política, con importante representación parlamentaria para convertela no motor dos cambios que a sociedade necesita.
A nosa emancipación nacional e social soamente será posible se somos capaces de transformar estes votos en acción mobilizadora e construción de poder popular.
Esta Alternativa comezou a crear os novos actores sociais que poden dinamizar á nosa sociedade fronte aos castigos políticos e económicos sufridos nestas últimas décadas.
A conxunción política da esquerda nacionalista coa esquerda federalista -nesta Alternativa- romperon con décadas de divorcio político e incomprensións mutuas.
A sumatoria destas dúas forzas multiplicou as expectativas electorais. Por primeira vez estase a ilusionar electores, que en anteriores eleccións, ante a falta dunha opción de esquerdas clara e con potencialidade electoral se abstiña.
Isto é o novo do panorama electoral. É o aire renovado que entra nesta democracia viciada e narcotizada como sinalou o propio Beiras.
Por iso é moi oportuna a consigna ¡hai que paralos!. Para iso é necesario derrotalos nas urnas, con centos de miles de votos indignados. A Marea Beiras ou mellor dito a Marea de esquerdas, será a protagonista da Rebelión electoral.