Máis de noventa concellos participarán na mellora de comunicacións móbiles no rural

Para participar no plan, as entidades deben incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2020 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

Un total de 94 concellos do ámbito rural solicitaron a súa adhesión á iniciativa autonómica para mellorar as comunicacións móbiles no rural, que conta cun orzamento de 5 millóns de euros da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Diso informou a Xunta nun comunicado, no que destaca que, para participar no plan, as entidades deben incluír na solicitude a cesión dun terreo adecuado para a instalación das infraestruturas de telecomunicación e o compromiso de abordar a acometida eléctrica, para o que poderán solicitar unha axuda máxima de 30.000 euros.

No primeiro semestre, a Administración autonómica, en colaboración co Colexio de Enxeñaría de Telecomunicacións de Galicia validará as zonas con deficiencias de cobertura trasladas polos concellos e, conxuntamente con Retegal, visitarase e comprobará a idoneidade das parcelas indicadas polas entidades locais, creando así un mapa de zonas de actuación.

Aqueles municipios que cumpran os requisitos (carecer de cobertura e pór a disposición os terreos adecuados), integraranse nun proxecto que se desenvolverá a través dunha encomenda ao operador público Retegal para a construción das torres e dunha convocatoria pública a operadores en concorrencia competitiva.

Para este último paso, o lanzamento da convocatoria pública de axudas a operadores de telecomunicacións, a Xunta indicou que xa se está iniciando o proceso para solicitar a autorización da mesma á Comisión Europea.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e a Federación Galega de Municipios (Fegamp) asinaron en decembro de 2019 un acordo marco para facilitar que as entidades locais se sumasen ao plan.

Smartphone, móbil. - Arquivo
Smartphone, móbil. - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta