Twitter rende tributo a Rosalía de Castro polo seu 183 aniversario

Distintos puntos de Galicia acollen este luns, 24 de febreiro, lecturas conmemorativas, homenaxes e ofrendas para celebrar o seu nacemento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/02/2020 | Actualizada ás 14:49

Comparte esta noticia

Unha das figuras más coñecidas de representativas das letras galegas, Rosalía de Castro, volveu ser tendencia nas redes pola conmemoración do seu aniversario. Naceu en 1837 no Camiño Novo, a que sería hoxe a Praza de Vigo de Santiago de Compostela. Este luns 24 de febreiro cumplíronse 183 anos do seu nacemento.

Rosalía de Castro.
Rosalía de Castro.

Rosalía de Castro foi a precursora do Rexurdimento galego e do Romanticismo español durante o século XIX. Tal foi a súa importancia, que o 17 de maio celébrase o Día Das Letras Galegas coincidindo coa data da publicación de 'Cantares gallegos'. Tamén ten outras obras de grande renome coma 'Follas Novas' ou 'A las orillas del Sar'.

Os usuarios de Twitter, conmemoraron o seu nacemento. Tanto a nivel galego coma no ámbito estatal, a que foi criada en Padrón tivo un notorio recoñecemento nesta rede social. 

HOMENAXES EN GALICIA

Distintos puntos de Galicia acollen este luns, 24 de febreiro, lecturas conmemorativas, homenaxes e ofrendas para celebrar o 183 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a "poeta nacional", tal e como a definiu a tenente de alcalde de Santiago, Mercedes Rosón.

Fíxoo no primeiro acto dos convocados este luns pola Fundación Rosalía de Castro para homenaxear á autora, unha ofrenda no monólito que lembra a súa figura na Praza de Vigo de Santiago, o lugar no que se levantaba a 'Casa da Parra' na que naceu o poeta cando esta área da capital compostelá era aínda parte do veciño municipio de Conxo, hoxe integrado na cidade.

Foi precisamente neste acto no que Xosé Manuel Durán, da Asociación Raigame, reivindicou a importancia simbólica deste lugar e apostou por "facer máis visible o lugar de nacemento de Rosalía". "Para nós é un tesouro, e gustaríanos que nalgún momento puxésese en valor, como merece", explicou. Durán e a tenente de alcalde de Santiago lembraron que nesta praza atopábase a casa natal de Rosalía, que foi derrubada nos anos 70 para a construción do aparcadoiro subterráneo.

"Mesmo tiña unha placa, que puxera o Concello de Conxo, e que non sabemos onde está", dixo Xosé Manuel Durán, que lamentou que, na actualidade, este emprazamento non estea o suficiente en valor e instou a facelo "máis visible", incluso pondo o nome de Rosalía á praza "para facer honra á súa memoria".

A "POETA NACIONAL"

Durante o acto, Mercedes Rosón reivindicou a Rosalía como a "poeta nacional" de Galicia, unha figura da que "ata non fai moito dicíase que era unha muller delicada que viviu á sombra do seu marido", pero da que hoxe se sabe que "era unha muller formadísima, cuns intereses moi claros e unha gran sensibilidade e fortaleza".

"Non era fácil para unha muller da súa época plasmar todo ese sentimento en palabras", dixo Rosón, lembrando que no século no que viviu Rosalía "tanto as mulleres como o galego estaban silenciados". "183 anos despois do seu nacemento, os seus poemas e os seus textos está máis vivos que nunca", engadiu.

Nos actos en Compostela participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que cualificou este como "un día grande para Galicia", que festexa o nacemento da súa "autora de referencia", lembrando que "poucas culturas teñen como referente a unha muller".

Para Valentín García, Rosalía de Castro é "unha oportunidade para dar a coñecer e internacionalizar a lingua e a cultura galega", á vez que apostou por trasladar ás "próximas xeracións" a "valentía, calidade literaria e altura de miras" que tivo a autora. "Foi pioneira no ámbito literario en asinar como muller", dixo García, que destacou que na súa obra aparece "a imaxe dunha Galicia en estado puro". Ademais da súa calidade literaria, Xosé Penas, en nome da Deputación da Coruña, puxo sobre a mesa o seu papel "feminista" e o carácter "loitador e rebelde" de Rosalía de Castro, alguén que "levou o nome do país por todo o mundo".

Moitos das homenaxes celebradas este luns estiveron organizados pola Fundación Rosalía de Castro, e presididos polo seu presidente, Anxo Angueira, que destacou "grandes novidades" no ámbito do poeta este ano, como a estrela Rosalía de Castro. "O pobo está con Rosalía, o pobo ama a Rosalía e tena como un referente", explicou Angueira, que sacou a colación a recentemente descuberta carta inédita do poeta para explicar que "aínda poden aparecer máis cousas" dela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 MartinOrtin12

Que fermosas fotos.