Medias verdades e xogos contabeis

Con motivo das detencións e imputacións xudiciais realizadas ao abeiro da chamada “Operación Pokemon”, Alberto Núñez Feijoo presumiu de código ético a respecto das demais formacións políticas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 15/10/2012

Comparte esta noticia
En realidade, o balance que podía presentar neste eido estaba inzado de comportamentos pouco congruentes con esa excelencia autoproclamada en materia de ética política.O alcalde Boqueixón deixou de selo pero non abandonou a Corporación municipal.Os alcaldes de Fisterra e Mazaricos non dimitiron no seu momento a pesar de estar imputados por distintos delitos no exercicio dos seus cargos.O delegado territorial da Xunta en Ourense –Rogelio  Martínez- mantivo o seu posto despois de que a Audiencia Provincial reabrise un caso no que se lle acusa de falsidade en documento público.Moitas excepcións para poder confirmar a regra desa presunta superioridade moral dos dirixentes políticos do PPdG.
 
Pero é que, ademais, os últimos días desta incerta campaña electoral están deparando novos tests para medir a solvencia do candidato Feijoo.Primeiro foi a controversia suscitada cos barcos de Pemex por mor das declaracións de importantes directivos da empresa pública mexicana nas que descartaban o carácter definitivo dos acordos subscritos en Compostela.As dúbidas xeradas sobre a total veracidade das afirmacións do presidente da Xunta –e lembremos que unha media verdade pode ser a peor das mentiras- aínda non foron despexadas polo aparello mediático protector da figura presidencial debido á persistente opacidade na que se mantén o contido literal dos contratos realmente asinados.
 
A última, pero non a menos importante, peripecia coa que xulgar o talante ético dos actuais gobernantes radica no coñecemento dun informe do Consello de Contas no que se constata o irregular desprazamento contábel de mais de 400 millóns de euros correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2010 para imputalos no ano 2011.Mediante esta demostración práctica de “contabilidade creativa” conseguiuse evitar o incumprimento do nivel de déficit esixido no 2010.E qué pasou no ano seguinte?Á espera do que ditamine dentro duns meses o Consello na súa periódica fiscalización xa sabemos, dende hai semanas, que a execución orzamentaria do 2011 foi pechada o 30 de Setembro.Normal:se non fose así, a ruptura do compromiso de déficit sería notoria e os círculos virtuosos das finanzas da Xunta non se poderían cadrar.
 
O código ético de Feijoo está construído sobre medias verdades e xogos contábeis.Materiais de folla de lata pouco apropiados para unha treboada económica e social que esixe depositar a confianza naqueles dirixentes políticos que posúan un elevado nivel de coherencia cos principios que din defender.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.