Vítimas do Alvia concéntranse este mércores fronte ao Congreso para esixir unha reunión co ministro Ábalos

Piden o cesamento dos membros da CIAF e a creación dunha nova investigación técnica independente, como recomenda a UE. O Goberno "non cumpriu de forma adecuada coa obrigación de investigar o accidente", manifestan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2020 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A Plataforma Vítimas Alvia concentraranse este mércores fronte ao Congreso dos Deputados con motivo da comparecencia do ministro José Luís Ábalos na Comisión de Transportes. Esíxenlle a reunión que "levan solicitando reiteradamente máis dun ano" sobre a creación dunha investigación técnica independente do accidente ferroviario que tivo lugar en Angrois fai seis anos.

Os afectados polo sinistro, que deixou 80 falecidos e máis de 140 feridos, manifestaron nun comunicado que "se cumpren máis de 500 días" desde que solicitaron formalmente unha reunión ao ministro Ábalos para seguir os avances da creación da investigación técnica independente á que se comprometeu no ano 2018.

Unha investigación que, lembraron, foi demandada "reiteradamente" pola Comisión Europea, e mesmo persoalmente pola Comisaria de Transportes, Violeta Bulc, tras concluír que o Goberno "non cumpriu de forma adecuada coa obrigación de investigar o accidente". A Axencia Ferroviaria Europea descualificou entón o informe da Comisión de Investigación de Accidente Ferroviarios (CIAF) por "falta de independecia".

NOVA INVESTIGACIÓN INDEPENDENTE

A este respecto, as vítimas piden ao ministro o cesamento dos membros da CIAF ao considerar que "están a realizar un grave abandono de funcións e faltan ao obrigado cumprimento da Directiva de Seguridade Ferroviaria".

Así mesmo, denuncian que o trato que se lles está dando "non é democrático nin humano" e solicitan a creación dunha nova investigación técnica independente para "saber a verdade" e "poder mellorar a seguridade ferroviaria española e europea" tal e como establece a Directiva 2004/49/CE do Parlamento Europeo.

Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo
Accidente do Alvia en Angrois. EUROPA PRESS - Arquivo

Vítimas do accidente de Angrois, ás portas de Talgo. REMITIDA
Vítimas do accidente de Angrois, ás portas de Talgo. REMITIDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta