Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2020 | Actualizada ás 20:05
O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, chamou a unha mobilización masiva que lle permita encabezar un goberno de progreso na Xunta que "atenda ás necesidades do país".
En fronte, o dirixente do PSdeG situou a un Feijóo "descolocado e pendente da súa operación política persoal para colocarse en Madrid no canto de estar pendente dos problemas dos galegos".
Nunha visita a Ames e acompañado polo alcalde José Miñones, asegurou que Galicia necesita dun goberno de progreso que atenda as necesidades do país, os problemas reais da sanidade pública, o emprego ou o despoboamento. Cuestións que, segundo indicou, "necesitan un proxecto de goberno e un presidente pendente dos problemas da xente".
O xefe de filas do PSdeG defendeu unha "opción de progreso e de futuro" para que o 5 de abril Galicia poida "pasar páxina das leas do PP", da "ineficacia de Feijóo" e dos "riscos que implican as dereitas coas súas tres candidaturas en Galicia".
Así, fronte ao "relato da dereita" que presentaba unha esquerda dividida, Gonzalo Caballero valorou que as forzas progresistas están a facer "adecuadamente" os seus "deberes". "O PSdeG, á fronte dunha maioría social, está a percorrer Galicia, consolidando unha posición para que haxa unha mobilización masiva o 5 de abril que permita retirar a Feijóo", sinalou.
Todo iso mentres, segundo indicou, xa aparece "Abascal en Galicia dicindo que vai salvar ao PP" e tanto Ciudadanos como o PP "non saben que facer". "É necesaria unha nova etapa de progreso e retirar a Feijóo", engadiu Caballero.
O xefe de filas do PSdeG continuou este mércores en Ames a súa rolda de visitas ás alcaldías socialistas. Alí, ofreceu unha "gran alianza dun goberno progresista na Xunta cos municipios e o conxunto da cidadanía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.