O Coronavirus tamén trae racismo: "Nunha rúa de Santiago gritáronme: 'Chinito, vaite!'"

Á par do Coronavirus propágase tamén a desinformación, o alarmismo e as actitudes discriminatorias cara a comunidade asiática. Eis o relato de como están vivindo esta situación dous estudantes chinos en Compostela.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2020 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O coronavirus expándese polo mundo e a canda el viaxa unha onda de alarma social, de medo e tamén de racismo, ás veces incluso máis invasora que a propia enfermidade. Os casos por coronavirus continúan aumentando no Estado pero isto non redunda nun incremento do risco. Trátase dun virus cunha baixa letalidade e cuxa recuperación é, na meirande parte dos casos, sinxela. As persoas falecidas ata o momento sufrían patoloxías previas, de maneira que esta 'nova gripe' lles supuxo unha complicación respecto da enfermidade que xa viñan padecendo. Afecta, sobre todo, a persoas con defensas baixas e saúde precaria.

Persoas levan máscaras por temor ao coronavirus
Persoas levan máscaras por temor ao coronavirus | Fonte: americatv.com

As autoridades sanitarias piden prevención e coidados, mais a realidade do virus en Galicia está lonxe da alarma social que se vén xerando en torno a el. Con todo, neste mundo de redes e de constantes informacións, predominan aqueles contidos que alimentan unha certa 'histeria colectiva' fronte ao descoñecido. E o medo que isto provoca impulsa as discriminacións e o racismo. De feito, a comunidade china no Estado chegou a lanzar nas últimas semanas a campaña #nosoyunvirus para reivindicar que a enfermidade non entende de razas nin nacionalidades.

Zhou e Chen son dous rapaces chinos que estudan en Santiago de Compostela e que viven de xeito especial o desenvolvemento desta enfermidade. O primeiro deles non puido visitar a súa familia polo Nadal. O segundo si, mais tivo que gardar corentena e superar moitas trabas para poder regresar a Galicia. "Aínda que non teñamos o virus, é moi difícil entrar en España", lamentan. Eis os seus dous relatos.

CONTACTO CON CHINA

Tanto Zhou coma Chen manteñen o seu contacto coas familias en China para se informar do estado das cousas. "Nós vivimos nun pobo e contáronme que os policías bloquearon a entrada usando terra", comeza Zhou. A situación segue "inestable" no país onde todo se orixinou. Para mercar alimentos, os seus familiares teñen a oportunidade de saír da casa só cada dous días, e só unha persoa de cada vez, mais as tendas xa están quedando sen existencias. Unha realidade "triste" que se acentua pola ocultación de información por parte do goberno. E fronte a este silencio das autoridades, Internet érguese como a canle prioritaria en China para coñecer como está a situación.

Neste Nadal, Zhou non viaxou ao seu fogar. "Se tivera ido, non podería regresar. É moi difícil conseguilo", comenta. "Quizais en maio poidamos ir, pero agora é a cima, estamos no peor momento". Chen, pola contra, decidiu visitar a súa familia no mes de decembro, cando o virus comezaba a estenderse polo país. Non lle foi nada fácil: "Sentíame moi incómodo, porque case todos os cidadáns necesitabamos quedar na casa para evitar o contaxio".

Volver aquí implicou cambios de rutas e moita burocracia. "Nas aduanas en China eran moi serios, tiven que firmar moitos documentos, sobre o meu lugar de orixe, sobre se fora a Wuhan ou Hubei, sobre se contratara xente de alí... Se mentía tiña que asumir a responsabilidade xurídica", relata Chen. Agora, conta, a situación en China comeza a mellorar e o coronavirus "contrólase", mais Chen ten a obriga de gardar unha corentena de 14 días na casa "para a seguridade pública en España", explica. Durante este tempo, son outras persoas as que lle axudan a mercar os alimentos e os produtos básicos para o día a día. 

MEDRAN AS DISCRIMINACIÓNS RACIAIS

Os bulos e as informacións alarmistas que falan en termos de 'crise' e 'devastación' incentivan o medo, e o medo, á súa vez, estimula as discriminacións cara a comunidade asiática. Nestas últimas semanas moitas persoas de nacionalidade china veñen sufrindo episodios xenófobos. Os restaurantes asiáticos e os bazares tamén observan que a súa clientela se reduce, como se a enfermidade puidera ter unha raza asignada. 

Neste sentido, Zhou relata dous casos de racismo que sufriu el mesmo en Compostela e unha compañeira súa en Madrid. Nun destes días, cando camiñaba pola rúa, unha rapaza achegóuselle e berroulle: "Chinito, vaite, vaite!". "Supoño que a ela lle preocuparía que eu tivera o Coronavirus", explica. Feitos coma este acentuáronse dende que o Coronavirus comezou a acaparar a axenda mediática. Esta enfermidade, recoñece Zhou, fai máis difícil a integración. "Teño unha amiga que estuda en Madrid e que cada vez que sobe ao metro nota que as persoas queren gardar unha distancia con ela, non habería por que". 

Concretamente na aduana é onde máis racismo senten: "Aínda que non teñamos o virus, resulta moi difícil entrar en España agora mesmo", lamenta Zhou.

CAMPAÑA #NOSOYUNVIRUS

Precisamente co obxectivo de reivindicar que as enfermidades non van asociadas a nacionalidades concretas e para loitar contra as discriminacións raciais e a desinformación da poboación, as redes botaron a andar unha campaña que se está facendo eco en todo o Estado. Leva por nome #nosoyunvirus e baixo esta etiqueta decenas de persoas de orixe asiático suben as súas fotos e escriben as súas reivindicacións para concienciar a cidadanía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Brais Rodríguez

No BNG o antisemitismo é normal e xente como Castelao ou Murguia foron racistas de libro

2 Marea Baixa

¿"Ocultación de información por parte do goberno"? Onde están as probas? Porque eu as probas que teño non poden ser máis detalladas. Un habitante de China pode consultar cantos contaxios houbo e as zonas onde se produciron, actualizan as cifras de contaxiados, falecidos e recuperados a cada minuto e a OMS dixo claramente que "China é un exemplo" por como está abordando o tema da epidemia. Pero logo chegades vos, dende o far west capitalista para cuestionar a honestidade de China sen probas. Iso sí que é racismo.

1 Apostolo

Nosotros, los compostelanis racistas, ay, quita, por dios, por dios!! Seguro que era un turista....