A Xunta afirma que "case todas" as áreas sanitarias galegas teñen equipos para facer probas a domicilio polo coronavirus

O conselleiro Jesús Vázquez Almuíña di que os profesionais galegos están preparados ante eventuais infeccións.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 27/02/2020 | Actualizada ás 19:04

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, confirmou este xoves que, "en case todas as áreas" sanitarias de Galicia, xa hai equipos preparados para, se fose necesario, acudir a domicilio a tomar mostras de posibles casos de afectados por coronavirus.

Coronavirus
Coronavirus | Fonte: diariojuridico.com

O conselleiro insistiu en que o seu departamento está "preparado" ante unha eventual aparición da enfermidade en Galicia.

A ese respecto, lembrou que o Sergas traballa en coordinación co Ministerio de Sanidade e con outras comunidades autónomas, en protocolos de actuación comúns. Na actual fase, indicou, o importante é "facer un diagnóstico rápido e seguro" para que o illamento impida unha posible propagación, pero, en todo caso, asegurou que os profesionais están "preparados" por se se dese o escenario dunha fase posterior.

No caso de Galicia, o conselleiro explicou que os sanitarios están "adestrados" pola súa experiencia na xestión da gripe e, aínda que non hai vacina para o coronavirus, "os medios son iguais: atención primaria, PACs, 061 e servizos hospitalarios e de Urxencias". "Todo iso está preparado", reiterou, e apuntou que, ao estar a gripe nunha etapa decreciente, hai "cobertura" suficiente nos hospitais para "dar cabida a un incremento por coronavirus".

Vázquez Almuíña insistiu en que a recomendación para as persoas que estivesen nalgunha zona de risco e presenten síntomas (tose, febre e dificultade respiratoria) é chamar ao 061.

Ademais, "en case todas as áreas" sanitarias, engadiu, "hai a posibilidade, se é necesario", de que un equipo acuda ao domicilio a tomar mostras, de maneira que o paciente quedaría illado na súa casa á espera de resultados.

"Nunhas horas", explicou, poderá saberse se é positivo e, nese caso, e se o estado xeral é bo, sen patoloxías previas, o paciente pode seguir no domicilio "cun seguimento activo por parte do sistema sanitario".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta