Historias sobre galegofobia: cidadáns contan como sufriron desprezo por usar a lingua propia

Unha iniciativa en Twitter une experiencias de persoas que viviron distintas situacións de rexeitamento ao galego.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Composteka | 28/02/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A galegofobia fai referencia á aversión cara a Galicia, a súa cultura e lingua, os seus cidadáns e a súa identidade. Coa idea de coñecer como sofren algunhas persoas estas experiencias e denuncialas, a conta de Twitter @Cadahiacurrelos puxo en marcha unha iniciativa na que anima a facer públicos casos de galegofobia relacionados coa lingua.

Para isto, convidan os usuarios de Twitter a usar o cancelo #galegófobxs, co que son xa varios os usuarios desta rede social os que están contando momentos nos que sufriron rexeitamento por ser galegofalantes.

O propio usuario que puxo en marcha a iniciativa comenta un caso: "Hai anos levei a un amigo a unha entrevista de traballo a A Coruña, preto do Pazo da Ópera. Namentres fun tomar unha cervexa á Av. de Arteixo, nese momento chamáronme ao tlf. -Onde estás? -Na Coruña, na av. de Arteixo. Di o camareiro: Arteijo! Quedou a cervexa alí".

As experiencias son do máis diversas, pero sempre co denominador común do odio ou aversión ao galego. Por exemplo, Queitán Pequeno conta: "Ano 2007, noite coruñesa. Rapaza e rapaz xogan coa mirada. Ela saúda coa man, el achégase, ela sorrí. Ao chegar el preséntase pero fala galego, a ela múdalle a faciana. Cruzan frases de cortesía e ela marcha. Ou el tiña halitose ou ela era unha de tantos #galegófobxs que hai".

Eva Patiño, pola súa banda, recorda: "Farmacia na Coruña, ano 1993 aprox. -Boas! Pode darme "marca comercial"? -Perdón? No te entiendo! -Que se pode darme "marca comercial" -Es que no entiendo el gallego".

Esta mesma persoa comparte outra experiencia: "Chámanme para unha sustitución nun ximnasio da Coruña, por referencias. Falamos da miña disponibilidade e a media conversa dime o paisano: -Siempre hablas gallego?" -Pois si, maiormente, salvo con xente de fóra".

Outra experiencia nunha farmacia tamén da Coruña, contada por ssouto: "Farmacia da Coruña, recollendo firmas en contra do ensino en galego entre os seus clientes"

Outro usuario, Guti_21, engade: "Inmurables insultos por falar galego en Twitter, xa que o galego é unha lingua 'que non fala todo o mundo' e piden 'respeto', polo visto o castelán é falado por todo o planeta terra, non fai falla dicir nada máis...".

Vane Vila menciona unha amiga para recordar unha situación persoal vivida no seu traballo: "@amandaasubiar lembrarase dunha discusión na Coruña onde lle suxeriron o noso xefe que me prohibise por contrato falar galego".

Lampreaman alv., pola súa banda, afirma: "Suspendéronme un exame en ADE na UVigo por poñelas respostas en galego. Dereito económico".

Hai máis. É o caso de Patri SoRei, quen comenta; "Por exemplo cando contaba o que tardaba o meu fillo en falar e como cada día que aprendía unha palabra en galego, como pescozo, volvía do cole coa castelá, *cuello, e entón unha nai prenguntou cun ton acusatorio: "¿Y por qué insistes tanto?".

Míriam CC tamén comparte: "Eu escribo en galego e o meu soño é publicar moito en galego, contándollo a unha coñecida a súa resposta foi: “Jo pues los radicalismos no son buenos, perderás mucha audiendia”. Aínda intento comprender porque falar falego é ser radical (ah, a rapaza é de Meicende)".

Tamén se dan casos de galegofobia nas redes, como expresa belenvala: "No twitter cada dous por tres, algúns españois din 'nom entenderme', mófanse de min e dinme, intentando ser despectivos ainda que nom o conseguen porque pra nada e ofensivo, 'no hablo portugues', ou o xa mais clasico 'quita la patata de la boca maleducada'".

Hai quen insiste en que a galegofobia é un mal que existe entre os propios galegos. 2nafronteira critica: "Por desgracia, os que máis, os propios galegos e galegas cando negan a súa cultura e lingua. Continuamente cos ollares de 'yo no entiendo' en tendas e cafetas cando falo galego. Moi lóxico todo...".

LookingForAwen tamén comenta outra experiencia na que lle dixeron: "'¿Hostia y tú hablando gallego? ¿Qué pasa, que eres del bloque? ¿Por qué no me contestas en la lengua en la que te hablo? Qué maleducada. ¿Sigues o se te ha pasado ya la tontería del gallego? Joder ya empiezas otra vez a hablar gallego, para'. E un largo etcétera".

A Lobeira today engade:" Chamando a Renfe: todos os nosos operadores en galego están ocupados, se quere ser atendido en castelán prema 1. Se desexa ser atendido en galego deixe o seu número de teléfono e chamarémolo no prazo dunha hora. É a 2ª vez que chamo".

Que badúas? comparte varias experiencias. Por exemplo: "Outra vez un galego castelanfalante díxome 'jo, me encanta que hables en gallego, además súper bonito... sin gheada ni seseo ni ese acento bruto'. Ofendinme e el non o entendeu. Se me acababa de botar un piropazo, joder". Ou estoutra: "Outra vez nun San Teleco acercóuseme un individuo con finalidades románticofestivas, contesteille e dixo: '“hostia, hablas gallego, ¿no serás una nacionalista de esas?' Tempo despois atopárao en Twitter, rechiaba a Alianza Nacional. E a nacionalista era eu".

Jésica Ramos aporta: "Ao pouco de mudarnos a Galiza, cando aprendín a falalo, un home: 'Está ben que o aprendas muller, pero non fai falta que o fales sempre. ¡Co castellano bonito que tes! Non ves que o galego é pra falar coas vacas?" Bo xeito de recoñecerse intelectualmente inferior ao gando".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta