Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2020 | Actualizada ás 19:26
Martiño Noriega é o nome que Anova propón para situar no número tres da lista pola Coruña da coalición con Galicia en Común, cuxo candidato á Xunta é Antón Gómez-Reino (Podemos). Os nomes que ocuparán os postos pactados na alianza rexistrada o pasado venres serán referendados na Coordinadora Nacional da formación da que é cofundador o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras.
Fontes de Anova confirmaron a Europa Press que Martiño Noriega aceptou dar este paso e situarse no número tres da lista pola Coruña. Mentres, o exdiputado no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello é o nome que previsiblemente encabezará a lista da coalición por Lugo e falta por concretar o posto número dous para Pontevedra, para o que soa a concelleira viguesa Oriana Méndez, sen que este nome estea pechado aínda.
Desta forma, queda despexada a incógnita de quen ía ocupar o posto que Anova tiña reservado na candidatura pola Coruña e para o que a formación nacionalista barallou situar tamén ao seu portavoz nacional, Antón Sánchez.
Os dous nomes tiñan o aval para ir neste terceiro posto que Anova pactou na coalición, pero, tras oito anos na vida institucional, Antón Sánchez nin sequera concorrerá na candidatura. Opta por pechar un ciclo na actividade parlamentaria, tras converterse en deputado por primeira vez en 2012 coa coalición AGE --que asinaron Anova e Esquerda Unida e que irrompeu con nove deputados--, e centrarse na vida orgánica da formación nacionalista.
"REFERENTE DO SOBERANISMO"
Coa entrada de Martiño Noriega na lista de Galicia en Común-Anova Mareas --marca electoral coa que se presentará a coalición pactada por Podemos, Esquerda Unida e Anova--, a formación nacionalista sitúa a un "referente do soberanismo" na candidatura, mentres que Antón Sánchez queda 'libre' para a organización política, da que seguirá á fronte e que pretende afianzarse no territorio galego.
As mesmas fontes de Anova sosteñen que situar a Noriega no número tres supón unha "aposta moi forte" da formación nacionalista pola coalición, que se pechou ao límite de tempo o pasado venres.
"Hai que pór todos os recursos para derrotar a Feijóo nas urnas", mantiveron as mesmas fontes. De Noriega, insisten en que se trata de "un referente do soberanismo" e Anova porá "todo da súa parte para o futuro político do país".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.