Gonzalo Caballero reivindica un proxecto feminista, renovado e galeguista

Defende unhas listas "de renovación" e chea de mulleres. Chama á mobilización "masiva" polo "cambio" e pide aos galegos "confiar" no PSdeG para liderar unha maioría "progresista".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2020 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG e candidato dos socialistas galegos á Xunta, Gonzalo Caballero, reivindicou este venres as candidaturas para as eleccións galegas do próximo 5 de abril. Son, remarcou, unhas listas que apostan pola "renovación", a gran presenza da muller e persoas que tiñan unha traxectoria profesional previa á marxe da política.

Tras ratificar Ferraz sen cambios as listas que aprobou na pasada xornada o Comité Nacional do PSdeG, que si fixo retoques sobre as propostas das provinciais, Caballero compareceu na Praza do Obradoiro acompañado dos outros tres cabezas de cartel: Pablo Arangüena (A Coruña), Patricia Otero (Lugo) e Marina Ortega (Ourense).

A preguntas dos xornalistas, Caballero defendeu que se trata dunhas "magníficas" listas e subliñou que foron aprobadas "por aclamación, por unanimidade" e "sen un só voto en contra" no Comité Nacional do PSdeG, "onde hai decenas de membros das provincias".

Dito isto, apuntou que "sempre hai máis compañeiros que queren estar en postos de saída". "Hai os postos que hai e, por tanto, sempre que se fan listas, hai compañeiros que poderían estar, pero non hai espazo para todos", apostilou.

"Temos boas candidaturas, nas que a cidadanía pode confiar, para gañar cunha maioría social de progreso en Galicia", defendeu o candidato socialista, quen pediu a confianza dos galegos para a súa organización. "O PSdeG ten un proxecto galego e galeguista máis aló de posicións particulares, locais ou provinciais, e ese contido galeguista plasmouse no Comité do PSdeG cunhas listas de renovación, con ampla presenza de mulleres, con xente preparada que representa a Galicia plural e diversa do progresismo", subliñou.

"COMPROMISO FEMINISTA"

Caballero confirmou que a Comisión Federal de Listas, órgano do que el mesmo forma parte, ratificou as candidaturas galegas e incidiu na renovación, así como na "ampla presenza feminina" que evidencia, subliñou, o "compromiso feminista coas mulleres do país" que ten o PSdeG.

Así, lembrou que hai candidaturas que "superan a paridade na presentación de mulleres nas distintas provincias, listas 'cremallera' e 'cremalleras' que se saltan para incorporar a mulleres de forma consecutiva en postos de saída".

Como exemplo, sinalou que catro dos seis primeiros postos da candidatura de Pontevedra son para mulleres. "Representamos ese compromiso socialista galego para liderar o cambio e queremos pedir aos galegos que manteñan activo o pulso dese cambio", reivindicou.

ALERTA DE QUE O PPDEG TRATARÁ "DE ASUSTAR"

En fronte, situou a un PPdeG que tratará de "alarmar e de asustar" en relación a esa idea de cambio e á posibilidade de que o encarnen distintas forzas políticas de esquerdas, cuxo liderado --insistiu-- está chamado a ocupar o PSdeG.

Un PPdeG, con Alberto Núñez Feijóo á fronte, cuxa xestión se caracterizou, engadiu o candidato socialista, "polos recortes en sanidade, educación e servizos sociais". Así, insistiu en que o PSdeG debe liderar "o espazo progresista do cambio" e pediu a confianza dos galegos. Como argumento, recorreu á experiencia de xestión dunha organización que goberna "en cinco das sete cidades galegas, en máis de cen concellos e en tres das catro deputacións".

Caballero, acompañado das cabezas de cartel por Lugo, A Coruña e Ourense, ás eleccións galegas
Caballero, acompañado das cabezas de cartel por Lugo, A Coruña e Ourense, ás eleccións galegas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta