Galicia estará este luns en alerta amarela por vento, choivas, ondas e neve

Será da man da nova borrasca atlántica que chega á comunidade, Karine.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2020 | Actualizada ás 19:25

Comparte esta noticia

Unha nova borrasca atlántica, denominada Karine, provocará este luns a activación de avisos de distintos tipos na Comunidade galega por fenómenos como o vento, a choiva, ondas e neve, segundo a predición da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

Para este luns, espérase que Karine e a súa fronte asociada, moi activa, atravese rapidamente toda a Península. Así, entrará por Galicia e irase estendendo cara ao este do Estado, deixando ao seu paso ceos nubrados ou cubertos e precipitacións xeneralizadas, con treboadas ocasionais.

As precipitacións poderían ser localmente fortes ou persistentes en toda Galicia, de feito Meteogalicia activou a alerta amarela en Ourense e Pontevedra, onde poden caer ata 15 litros por metro cadrado nunha hora. Ademais, espérase choiva con treboada e sarabia.

Por outra banda, activarase a alerta amarela nas montañas de Lugo e Ourense pola cota de neve que se situará nos 1.000 metros pola mañá e baixará ata os 800 metros ao longo do día. A acumulación que se prevé superará os 5 centímetros nestas zonas.

Segundo destaca Meteogalicia, os refachos moi fortes de vento afectarán as provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, sobre todo nas zonas máis altas onde se poden alcanzar os 100 quilómetros por hora.

Igualmente, no mar rexistraranse fortes ondas de máis de 5 metros altura con fortes ventos. Por este motivo, a Xunta activou a alerta amarela para todo o litoral galego, que en todo caso diminúe con respecto ao domingo, cando a costa estaba baixo aviso laranxa.

Temporal de vento e forte ondada na praia de Pantín (Valdoviño, A Coruña). ELISA PIÑÓN - EUROPA PRESS
Temporal de vento e forte ondada na praia de Pantín (Valdoviño, A Coruña). ELISA PIÑÓN - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta