A desafección política non é a solución

Segundo unha enquisa sobre os problemas actuais da nosa sociedade, a primeira preocupación é a do paro seguido da crise económica que soportamos dende hai varios anos. E como síntoma destes graves asuntos aparece a desafección política de sectores moi importantes de cidadáns que, facendo táboa rasa, renegan do sistema que temos lanzando proclamas nas que culpan a todos os representantes, tanto do goberno como da oposición de todos os males que acontecen nesta sociedade. Ben sei que, en grande parte, teñen razón; pois na política actual prima por riba do interese colectivo as promesas incumpridas e o engano para tratar de acadar o voto a calquera prezo. Desta maneira quedan relegados os valores nobres da acción política, e esta pasa a ser un xogo de trileiros.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 20/10/2012

Comparte esta noticia
Non serei eu quen negue que,  cando tentas na rúa falar de posibles solucións ós temas que nos afectan como sociedade,  axiña aparece a voz dos máis afectados directamente para amosar o seu desacordo con todo aquelo que teña relación con esta actividade. Desta maneira afloran  as descualificacións xerais e os  exabruptos contra aquelas persoas que traballan denodadamente dende a base polos ideais máis nobres da defensa dos intereses colectivos.
 
A democracia permite que todos opinemos libremente do que sabemos e do que descoñecemos; permite que nos expresemos libremente mediante o voto, premiando, castigando, ou si iso non nos vale, creando a nosa forza política para baternos nun proceso electoral cos grupos políticos consolidados aos que tanto criticamos e   que nos consideramos precarios, deficientes, enganosos mesmo inútiles.
 
Pero o que máis desmotiva á sociedade no seu conxunto,  son as posturas destrutivas que só ven corrupción, ladróns,  e nada aportan ao conxunto da cidadanía. E cando digo isto penso en moitos rapaces e rapazas, que cando lle pretendes dar on folleto, torcen a cara  ou te miran con desprezo como  si ti foras o culpable dos seus problemas ou foras un bicho raro. Percíbente como un elemento perigoso e ate che contestan: yo paso de  la política. Son consciente de que a sociedade actual ten unha inmensa bolsa de parados nas idades mozas, pero iso non pode ser o único motivo para tal postura. Pois, nos anos sesenta, cando nada tíñamos, traballamos en condicións moi precarias e tamén se emigraba en condicións moi deficientes cara todas as partes do mundo. Pero todos, mozos e maiores buscabamos a vida e máis tarde loitamos por un réxime como o que agora temos.
 
Con todo iso, o que máis me desvela,  é a postura de renuncia á implicarse nos problemas sociais para, se non valen as actuais estruturas políticas, loitar por modificalas ou  crear outras mellores  que poñan ilusión onde non a hai. Pois, por moito que nos esforcemos en arredarnos da política, a sociedade sin política non se pode gobernar.
 
Son consciente de que clase política ten que dar exemplo; ten que optar por unha nova ética da que hoxe carece; que hai que modificar as estruturas do Estado; eliminar organismos como as deputacións, níos dun caciquismo endémico; que hai que eliminar ou darlle unha función distinta ao Senado; Que  deputados e senadores teñen que ter unha racionalización do seu salario, que hai que  eliminar os seus privilexios; de que hai que controlar o gasto público e obrigar a que a banca nos fale nunha linguaxe que se entenda para que non aparezan outras preferentes; que os órganos do Estado fiscalizadores da banca teñen que actuar e non mirar para outro lado para evitar ladroizos como os das xubilacións dos directivos;  e unha longa ringleira máis reivindicacións. Pero con todo o dito a democracia danos moitas posibilidades  de vivir na sociedade máis próxima a que todos queremos.
 
Europa está pasando nunha crise moi importante, e nesta terra  camiñamos cara un deserto demográfico do que será moi difícil saír nun tempo; camiñamos no medio de moito sufrimento de familias en paro. Pero, seguindo o camiño da desafección política, non imos a ningures. Si a caso camiñamos na procura dun caudillo como o que xa tivemos durante a ditadura franquista, cuestión que a maioría dos  mozos descoñecen e moitos maiores esquecen. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com