Deixar o traballo para asumir o rol de coidadora, a realidade diaria de moitas mulleres

O 72% das persoas inactivas en Galicia son mulleres, e delas, o 90% asume os coidados familiares. Así se desprende dun estudo que vén de presentar CC.OO.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

A situación da muller no mercado laboral é un reflexo fiel da sociedade patriarcal da que aínda non fomos quen de saír. "Os avances son cativos, persisten as brechas de xénero, a segregación, a temporalidade e a baixa corresponsabilidade". Dende Comisións Obreira (CC.OO.) debuxan o panorama sociolaboral das mulleres en Galicia a través do informe 'Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas' que veñen de presentar na mañá deste luns.

Mamen Sabio presenta o informe na sede de Comisións Obreiras xunto con Rebeca Pérez e Fernando Armendáriz
Mamen Sabio presenta o informe na sede de Comisións Obreiras xunto con Rebeca Pérez e Fernando Armendáriz | Fonte: CC.OO.

ASUMIR OS COIDADOS FAMILIARES

Camiño deste 8 de marzo, dedicado a poñer en valor o labor fundamental das mulleres coidadoras, CC.OO. centrou a meirande parte do seu estudo na "corresponsabilidade" e nas repercusións que os coidados teñen sobre a poboación feminina, un traballo "non remunerado" e que segue "invisibilidado". A "pegada do patriarcado" na estrutura laboral deixa datos moi significativos: o 72% das persoas inactivas en Galicia son mulleres, e delas, o 90% asume os coidados familiares

Xa que logo, unha das causas fundamentais polas que as mulleres non entran no mercado laboral ou saen del é a "imposición ou autoimposición" dos coidados alleos: "Somos as mulleres quen renunciamos ás carreiras profesionais e á cotización para unha futura pensión en favor do coidado de dependentes e familiares. É moi típico o caso de mulleres que deixan de traballar ou traballan a xornada parcial porque están coidando dos sogros, non dos pais, dos sogros", afirma a secretaria de Muller e Igualdade de CC.OO., Mamen Sabio. O feito de que os salarios femininos sexan menores incide en que, á hora de escoller quen debe renunciar ao seu traballo remunerado para coidar dalgún familiar, as mulleres resulten as máis prexudicadas.

De novo, os datos falan por si sós. Fronte a 4.500 homes, 32.700 mulleres están inactivas pola necesidade de coidar de persoas enfermas, discapacitadas, maiores e crianzas. Ademais, son as mulleres as que máis fan uso das excedencias no traballo, un 92%. "Os homs cóllenas de maneira moi residual", comenta Sabio. Tamén é habitual que as mulleres reduzan a súa xornada laboral para dar resposta a estoutras obrigas privadas. "A elección da xornada parcial non é voluntaria, vén dada por unha estrutura patriarcal que nos asigna o rol de coidadoras", reafirma a secretaria de Muller e Igualdade. 

TRABALLO NON REMUNERADO

Enriba da mesa tamén se puxeron os resultados doutro informe, Donantes de Tempo, elaborado pola USC a través de datos da EPA, que destaca que se os coidados fosen remunerados, o PIB incrementaría nun 51%. Sabio fai seu, xa que logo, un dos lemas fundamentais que se berra dende o movemento feminista: "Queremos emprego, traballo xa temos".

En canto á temporalidade nos empregos, CC.OO. advirte unha "mesma tesitura desigual". Tamén na fenda salarial, que segue en 5.488 euros, un 29%. No relativo ao desempreso, as mulleres levan igualmente o peor dato: un 13% fronte a un 10% dos homes. Os roles tradicionais de xénero mantéñense: na industria o 71% das persoas empregadas son homes, e na construción, a cifra elévase ao 91,4%. Do outro lado, os datos revelan unha gran feminización nos traballos relacionados cos servizos e adminitración.

"Este informe é un debuxo claro da segregación do mercado laboral. Temos que repensar o futuro e revalorizar os traballos que desempeñan as mulleres", sentenzan dende CC.OO. "Queremos unha igualdade real, non en papel".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta