Temas: 8M MULLER EMPREGO

As traballadoras maiores de 55 anos en Galicia son máis de 100.000 por primeira vez na historia, segundo un estudo

Un estudo realizado por Adecco con motivo do 8M sinala que o 48% dos traballadores 'sénior' no territorio galego son mulleres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

As mulleres galegas de máis de 55 anos que traballan superan, por primeira vez na historia, as 100.000. Concretamente, son 102.300 mulleres, un 41% máis que as 72.400 que se contabilizaban no ano 2009.

Manola, redeira de Cangas no Berbés
Manola, redeira de Cangas no Berbés | Fonte: © Miguel Núñez.

De acordo cun informe elaborado pola Fundación Adecco con motivo do Día da Muller, que será o vindeiro domingo 8 de marzo, esta cifra "sen precedentes" explícase coa propia historia de Galicia: "Moitas das mulleres novas que se incorporaron masivamente ao mercado dos anos 80, hoxe xa superan os 55 anos". Ademais, a crise de 2008 "propiciou unha segunda onda de afiliación feminina ao mundo laboral", engade Adeco.

Actualmente, as galegas consideradas "sénior" supoñen o 20% das mulleres cun emprego —unha de cada cinco—, mentres que hai unha década eran o 14%.

Así mesmo, entre os traballadores maiores de 55 anos, as mulleres xa representan o 48% do total e "todas as previsións indican que a tendencia se encamiña ao 50%". En 2009, esta porcentaxe era do 43%.

En canto ás mulleres de 55 anos que se atopan activas --aquelas que traballan e as que buscan un emprego--, o total cífrase en 114.500, o que representa o 20% das galegas 'sénior', cando hai unha década eran o 15%.

Este incremento choca coa "lenta evolución" da taxa de actividade feminina en Galicia, que se incrementou tan só un 1% nos últimos 10 anos, do 48% ao 49%.

Este fenómeno débese, sinala Adecco, a que desde o 2009 houbo máis de 120.000 galegas maiores de 55 anos que ata o momento estaban inactivas e que se incorporaron á procura dun emprego "para sacar á boia as economías domésticas".

UN 13% MÁIS DE PARADAS 'SÉNIOR'

A pesar de todas estas cifras, as desempregadas maiores de 55 anos aumentaron nunha proporción moito maior (13%) que a do resto de mulleres (4,3%). Ademais, o 65% é parada de longa duración, fronte ao 45% de media xeral.

"Paradoxalmente, a muller 'sénior' segue enfrontándose a prexuízos e estereotipos que cuestionan a súa valía profesional, circunstancia que, no contexto actual, supón un completo contrasenso", valora o director xeral de Fundación Adecco, Francisco Mesonero.

MULLERES CON FORMACIÓN SUPERIOR

Por outra banda, outro estudo elaborado pola empresa de recursos humanos Randstad con motivo do 8M, destaca que en Galicia hai máis de 260.000 mulleres con formación superior que traballan, o que tamén supón a maior cifra da historia.

En concreto, durante o último trimestre do 2019 rexistráronse 261.000 traballadoras con educación académica superior, un 3,5% máis que un ano atrás (252.700). Este aumento é o máis pronunciado desde 2015.

Ao analizar a serie histórica, este estudo de Randstad revela que se rexistrou un incremento constante ao longo do novo século. De feito, desde 2002 --ano de comezo do estudo--, as traballadoras con estudos superiores duplicáronse (+109,6%).

Temas: 8M MULLER EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta