Denuncian un "trato inadmisible" ás nais de Teo, que realizan as sesións prenatais na entrada do centro de saúde

No mesmo espazo teñen coincidido as mulleres embarazadas, usuarios que agardan ser atendidos polo médico e limpadoras, censura o sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2020 | Actualizada ás 08:05

Comparte esta noticia

O sindicato dos Profesionais da Sanidade Pública Galega (PROSAGAP) vén de denunciar a situación na que se atopa o centro de saúde de Calo, no Concello de Teo. Segundo explican, reclaman dende hai anos a necesidade de dispoñer dun local axeitado para realizar as sesións de educación maternal pre e posnatal.

Espazo no que realizan as sesións no centro de saúde de Calo
Espazo no que realizan as sesións no centro de saúde de Calo | Fonte: PROSAGAP

"O único que se oferta por parte do Sergas para o desenvolvemento desta importante actividade grupal de educación sanitaria para as futuras nais e pais de Teo é o espacio localizado na entrada do propio centro de saúde, que se corresponde coa sala de espera", censuran dende o sindicato. Un espazo que, indican, "non cumpre" ningún dos requisitos mínimos de calidade para poder realizala, e que "atenta contra a dignidade" das familias que a precisan.

A Guía Técnica do propio Sergas recomenda unha sala con capacidade suficiente para as mulleres e as súas parellas, con material axeitado (pelotas de pilates, colchonetas, almofadas de lactación, un espello de parede, canón e unha pantalla de proxección, ordenador e unha televisión, entre outros), e onde se poidan realizar técnicas como masaxes, relaxación con música, ou procedementos para aprender a coidar o embigo do bebé ou amamantalo.

FALTA DE HIXIENE

Lonxe disto, o sindicato denuncia unha "evidente falta de hixiene": "Preténdese que se realicen estes exercicios, técnicas de relaxación e masaxes en colchonetas sobre esteiras colocadas enriba das pisadas de centos de usuarios", sentenzan. Tamén consideran que a ubicación destas actividades atenta contra a intimidade das nais, xa que están expostas, a través dunha grande cristaleira, á vista de calquera que pase pola estrada que transcurre diante do centro de saúde.

"Por riba, o pasado luns 24 de febrero, coincidiron nese mesmo corredor as embarazadas na súa actividade grupal, usuarios que agardaban para ser atendidos polo seu médico de

familia, e as limpadoras, que precisaban realizar nesa mesma franxa horaria

a limpeza dos espazos do centro sanitario", relatan nun comunicado.

Por todo isto, consideran que esta é "outra mostra do desprezo das institución sanitarias pola saúde sexual e reproductiva das mulleres", e tamén un "xeito máis de expresión de Violencia Obstétrica", neste caso institucional, ao intentar "normalizar" un trato "inadmisible" ás mulleres e os profesionais sanitarios encargadas de atendelas. Unha situación que, ademais, pon nun "dilema" as traballadoras, que teñen que cumprir ordes sabendo que estas as afastan do seu deber ético como profesionais. 

"Esiximos que a Administración, e neste caso directamente á EOXI de Santiago, que poña os

medios precisos para solucionar esta penosa situación da cal se levan desentendo anos á

maior brevedade posible", rematan o escrito. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta