A necesidade de priorizar o público

Hai algunhas semanas representantes da Asociación Unificada da Garda Civil (AUGC), na provincia de Lugo, demandaban o incremento do cadro de persoal de distintos postos cun mínimo de 40 axentes, ademais da renovación do equipamento, nomeadamente os vehículos cos que prestan o seu servizo.

Por Emilio Martinez | Lugo | 03/03/2020

Comparte esta noticia

Os mesmos días unha asociación de empresarios lucense discutía a proposta de contratar seguridade privada ante un incremento dos roubos en establecementos de ocio e comerciais. Unha e outra nova teñen a súa orixe no mesmo lugar: as políticas do Partido Popular, e en concreto as políticas desenvoltas polos gobernos de Mariano Rajoy entre 2011 e 2018. Entre estes anos a Policía Nacional e a Garda Civil perderon en conxunto mais de 12.000 efectivos.

Un garda civil
Un garda civil | Fonte: GC

É difícil pensar que esta merma de persoal non ten  unha repercusión directa na cidadanía, sobre todo nas persoas mais vulnerables, nas clases traballadoras que non se poden permitirse o pago de sistemas de alarmas e seguridade privada, repercusión naquelas persoas que son usuarias, por exemplo, do transporte público, como poden ser as que utilizan todos os días os sistemas de metro nas grandes cidades, e que en Madrid e Barcelona teñen ocasionado o xurdimento de grupos cidadáns que tentan paliar as carencias policiais mediante métodos cuestionables, pero á vez comprensibles. O mesmo ocorre en zonas agrícolas nas que bandas organizadas campan ás súas anchas roubando apeiros, combustible ou as colleitas. Nunha provincia como Lugo, rural, conformada por concellos de pequena dimensión, tal vez falten uns 300 efectivos, entre garda civil, policía nacional e policía local para cubrir un mínimo de presenza policial. Cabe recordar que en toda a provincia de Lugo só existen tres comisarias de policía, con problemas crónicos de persoal; apenas existen corpos da policía local que sexan medianamente operativos, é dicir que conten un número de efectivos que permitan operar 24 horas ao día 365 días ao ano, e os postos da garda civil están infradotados, como denunciaba a AUGC, con patrullas que deben cubrir enormes áreas en zonas rurais. Falamos de situacións que se repite en todas ás zonas rurais, unha carencia mais que se suma abandono que sofren esas amplas zonas da denominada “España baleirada”. Toda esta situación xera sensación de inseguridade na poboación, que non poucas veces se sinte desasistida, e compelida a contratar alarmas e servizos privados de seguridade.

A política de precarización dos sectores públicos que a dereita leva a cabo de forma sistemática abarca todos os ámbitos nos que o capital privado pode obter beneficios. Comezamos sinalando a seguridade porque as políticas de seguridade son presentadas moitas veces como un elemento diferencial das políticas conservadoras, xa sabemos, eles son a xente de orde. Pero a realidade é bastante distinta. É a dereita a que precariza o sistema público de seguridade, a favor das moitas compañías de seguridade privada que son subcontratadas polo Estado e as administracións públicas e ao cabo tamén pola cidadanía e as empresas, para paliar a falta de recursos e medios públicos.

Os outros sectores que a dereita precariza, polos beneficios que poden orixinar nas grandes empresas, son ben coñecidos: a educación, a sanidade ou o sistema de pensións. A sistemática de actuación é sempre a mesma. E parece que sempre da resultados. De forma consciente diminúese a calidade do servizo público e xa a cidadanía, comezando primeiro as clases medias-altas, logo as clases medias a secas, vai paulatinamente abandonando, de forma case sempre mansa, o sistema público mediante a contratación de seguros privados, colexios privados para os fillos e fillas ou de plans de pensións privados ante as dúbidas interesadas que se airean dende gobernos conservadores e medios de comunicación afíns sobre a sostibilidade do sistema público de pensións.

As políticas conservadoras tamén apoian a iniciativa privada mediante, moi evidente en sanidade, a subcontratación de servizos ao sector privado, de forma parcial ou total. O mesmo que fai co apoio aos centros privados educativos mediante os concertos, en moitos casos dependentes da Iglesía católica.

Ás políticas teñen sempre o mesmo obxectivo, reducir o sistema público a un sistema de caridade destinado só a aqueles colectivos con menor poder adquisitivo, ofrecendo servizos paupérrimos que inviten a calquera que conte con medios económicos a recorrer de forma sistemática á oferta privada.

A política é sempre a mesma, aínda que se materialice de forma diferente, administrando os tempos segundo a sensibilidade detectada no electorado. Administrando o nivel e a forma de privatización. Non é o mesmo o Partido Popular de Madrid, ultraliberal, que o Partido Popular en Galicia ou Castela e León, nos que pesan de forma evidente certos principios constitutivos do social-cristianismo, relacionados cunha estrutura demográfica moi envellecida, moi dependente das pensións públicas, e sobre todo con escaso poder adquisitivo, que as fai pouco apetecible para as empresas privadas, e que obriga a medir calquera política que afecte a elementos sensibles nos graneiros electorais conservadores que garanten as maiorías (recórdese que en Galicia, por exemplo o Partido Popular goberna grazas á forma na que se distribúen os escanos no Parlamento Galego, primando o peso das provincias do interior).

O actual goberno do PSOE e Unidas Podemos ten ante si unha tarefa inxente: reverter anos de políticas conservadoras que teñen feito moito dano ao sector público, e danando ao sector público tense danado a cohesión da sociedade. Hoxe o apoio ao sector público, nos seus ámbitos de actuación fundamentais, é prioritario para conseguir unha sociedade de iguais, unha sociedade de oportunidades, unha sociedade democrática.

A precarización do público que leva ao abandono polas clases medias da sanidade pública, da educación pública, dos sistemas públicos de provisión de benestar, acaba por restar espazos comúns á sociedade, divide á sociedade en compartimentos estancos, máis aínda do que xa ocorre hoxe, ao cabo seremos unha peor sociedade, mais dividida, sen proxectos comúns, unha sociedade disgregada, e polo tanto mais fácil de vencer, cada día con menos capacidade de resposta ante políticas que restan dereitos, que priorizan privilexios.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.